Lourizán alerta das "graves consecuencias" que tería a construción do emisario para o marisqueo
Por Redacción
Os integrantes da Plataforma Veciñal de Lourizán emitiron un comunicado alertando dos perigos que comportará a obra de creación do novo emisario que a Xunta de Galicia proxecta na ría de Pontevedra.
Segundo expón este colectivo, no caso de que prospere o anteproxecto que se atopa en fase de alegacións, produciríanse graves consecuencias sobre a actividade marisqueira durante o período de obras.
A plataforma indica que nesta zona existen 49 bancos marisqueiros e advirten da incidencia que terán as verteduras derivadas da construción do emisario, un dato que presentaron nas alegacións ante a Xunta de Galicia e que coinciden coas emitidas pola Asociación pola Defensa da Ría (APDR).
Neste sentido, afirman que os bancos marisqueiros máis afectados serán dous de a pé dos Praceres; o de á boia de Lourizán; ademais dos de navalla en Lourizán e longueirón.
Aseguran que a instalación supoñerá a desaparición física de moitos exemplares durante o soterramento e durante o movemento de sedimentos. Alertan tamén de que a utilización de pilotes sobre o fondo mariño para acometer a obra provocará problemas ambientais que afectarán as poboacións de moluscos do mesmo xeito que a ruptura de rocas.
Outro dos aspectos negativos que atopa a plataforma é o da paralización da actividade extractiva durante a instalación do emisario coa consecuente perda económica para o sector. O colectivo entende que existen outras fórmulas menos daniñas.
Relacionadas:
-
Performance veciñal en Praceres para criticar a actitude da Xunta ante as alegacións ao novo emisario na ría
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Unha acción de protesta sinala que Lourizán é o "lugar máis degradado de todo o litoral galego"
Por Redacción |
-
Marín pide desprazar o emisario fóra da costa e das praias
Por Oskar Viéitez |
-
Realmente fai falta un novo emisario? A APDR entende que non
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta ve "imprescindible" ampliar a depuradora e propón ocupar terreos de ENCE
Por Alejandro Espiño & Oskar Viéitez |