O expediente para a concesión da construción e explotación do balneario xa está a exposición pública
Por Redacción
O expediente "de conveniencia e oportunidade da concesión de obra para a construción da estación termal e explotación das obras" xa está a exposición pública. O Concello de Ponte Caldelas publicou este xoves o anuncio oficial no Boletín da Provincia e as persoas que queiran presentar alegacións teñen un prazo dun mes para interpoñelas.
A documentación sometida a exposición pública é o anteproxecto construtivo, que serve de base para a licitación, así como o estudo de viabilidade económico-financieira. Paralelamente ao trámite de exposición pública, solicítase informe a distintos órganos sectoriais da Xunta de Galicia, entre eles Augas de Galicia.
Unha vez rematado o prazo e resoltas as alegacións, o Concello comezará os trámites relativos á apertura da licitación da concesión entre as empresas interesadas do sector.
Varias delas xa se teñen dirixido ao Concello para adiantar o seu interese.
A futura estación termal construirase sobre unha parcela de 7.700 metros cadrados, cualificada como urbanizable, que foi adquirida recentemente polo Concello á Sociedade de Reestruturación dos Activos Bancarios (SAREB) por un importe de 230.000 euros máis IVE, un prezo moi inferior aos 1,5 millóns de euros nos que foi valorada inicialmente.
O expediente inclúe un anteproxecto de mínimos cun orzamento de 1,9 millóns de euros e contempla un deseño perfectamente integrado, cunha fachada acristalada, na paisaxe do río Verdugo. En canto ao estudo de viabilidade, o documento estima que, sobre a base da contratación de cinco persoas, e uns prezos públicos de seis euros, a instalación sería rendible dende o primeiro ano, cando acadaría xa uns 25.000 visitantes, superando os 50.000 a partir do quinto ano.
Ponte Caldelas recuperará así unha tradición termal que data de 1888, cando as augas foron declaradas mineiro-medicinais. O edificio histórico foi derrubado en 2008 no marco dun ambicioso macroproxecto, impulsado polo anterior goberno local. As obras quedaron paradas en plena burbulla inmobiliaria e o legado que chegou ata hoxe foi unha mole de formigón a medio construír.
Relacionadas:
-
Retiran vexetación invasora da leira do balneario
Por Redacción |
-
O Concello de Ponte Caldelas tilda de "pataleta infantil" as alegacións do PP ao proxecto do balneario
Por Redacción |
-
O PP de Ponte Caldelas presenta alegacións ao anteproxecto da Estación Termal
Por Redacción |
-
O Concello retranquea un muro do paseo do río Verdugo
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas xa ten a chave da capela do balneario co obxectivo de recuperala
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas expón a documentación do futuro balneario
Por Redacción |
-
A futura estación termal de Ponte Caldelas terá tres piscinas, dúas delas ao aire libre
Por Redacción |