O Banco Farmacéutico de Galicia, unha iniciativa contra a pobreza farmacéutica que chega a Pontevedra
Por Natalia Puga
Os datos que manexan os colexios de farmacéuticos e as distintas entidades sociais que traballan con persoas en situación de vulnerabilidade reflicten que a pobreza farmacéutica "é unha realidade" e cada vez hai máis persoas que teñen que renunciar á súa saúde por temas económicos e deixar de recoller medicamentos prescritos polos seus médicos por non poder facer fronte ao pago dos mesmos.
Para facer fronte a esta situación, naceu nos últimos tempos o Banco Farmacéutico de Galicia, que acaba de desembarcar en Pontevedra.
Ramiro Varela Cives, presidente do Comité Médico do Banco, cita datos dun barómetro do CIS do ano 2016 no que se reflicte que o 4% da poboación "deixa de tomar fármacos por motivos económicos". Isto significa que 100.000 galegos non recollen os seus tratamentos ou non os completan por non poder pagalos.
Esta e outras cifras saíron á luz este venres con motivo da presentación do Banco Farmacéutico de Galicia en Pontevedra, un acto no que se deu a coñecer que esta entidade empezou as colaboracións co Concello de Pontevedra.
O Banco de Farmacéuticos naceu co dobre obxectivo de facer fronte ao copago farmacéutico e dar resposta ás necesidades de medicamentos e tratamentos médicos de persoas en risco de exclusión social. En concreto, o que fan é canalizar o apoio para a adquisición de medicamentos a familias en situación de especial vulnerabilidade a través das farmacias e os servizos sociais.
Desde o Banco empezaron a poñerse en contacto cos servizos sociais municipais de todos os concellos de Galicia e tamén co Servizo Galego de Saúde para poder avaliar cada situación en concreto e coñecer que pacientes non poden facer fronte ao pago dos medicamentos e necesitan a súa axuda. Co de Pontevedra xa contactaron e iniciaron colaboracións e está previsto que o realicen co resto da comarca.
Os pacientes que se atopen nesta situación de pobreza farmacéutico deberán poñerse en contacto cos servizos sociais e a partir de aí empezará esa avaliación por parte do Banco Farmacéutico. Unha vez analizada a súa situación, o cidadán non terá que acudir a ningunha entidade colaboradora, senón que poderá dirixirse directamente á farmacia e entregaráselle directamente o medicamento sen cargo económico.
Segundo Ramiro Varela, chegouse a esta situación polo elevado prezo do copago farmacéutico para determinados colectivos e porque, ademais, a sanidade pública non financia tratamentos que afectan a múltiples doenzas tanto crónicas como agudas ou tratamentos como os que afectan á saúde bucodental. Tal é o caso, a modo de exemplo e dada a época do ano na que nos atopamos, de determinados medicamentos antigripais.
Ao non poder fai fronte ao pago dos medicamentos, os pacientes empeoran a súa saúde e calidade de vida, pero tamén aumenta o índice de reincidencia porque, en ocasións, iníciase o tratamento, pero non pode terminarse.
Ademais de Ramiro Varela, presentaron o Banco en Pontevedra Ramiro Carregal Rey, presidente de honra do Banco Farmacéutico de Galicia; Noelia Romero Gómez, presidenta do Banco Farmacéutico de Galicia; Alfredo Garrido, presidente do Comité Farmacéutico; Rafael López López, director da iniciativa ONCOMET; e Ignacio Sánchez, vicepresidente do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra.
Todos eles agradeceron o papel xogado pola Fundación Amigos de Galicia, que puxo en marcha esta iniciativa para plantar cara á pobreza farmacéutica que presentan moitas das persoas ás que atenden para cubrir outras necesidades. Respecto diso, Ignacio Sánchez lembrou que "detrás dun medicamento existe unha necesidade e non debe haber unha persoa que con necesidade dun medicamento non poida acceder a el".
Segundo indicou Noelia Romero, o Banco parte dun orzamento de 73.000 euros, dos que as 26.000 iniciais foron resultado dun partido benéfico celebrado en Lugo.
Relacionadas:
-
O Banco Médico Farmacéutico e Sanxenxo cofinanciarán tratamentos de pacientes sen recursos
Por Redacción |
-
Os farmacéuticos de Pontevedra fórmanse para combater a violencia de xénero
Por Redacción |
-
As farmacias de Pontevedra inician a campaña 'Sin receta NO'
Por Almu Dapena |
-
Amigos de Galicia pide a implicación cidadá para recoller 500 litros de leite este sábado
Por Redacción |