Entramos en datas do Nadal e nesta edición de Podcans, o educador canino Diego Álvarez lembra que "os cans non son un agasallo". De feito, lembra que durante o Nadal a protectora de animais de Pontevedra cesa a súa actividade de adopción.
Facendo esa excepción, aconsella neste programa de PontevedraViva Radio que se se quere un can en casa hai que sopesar a responsabilidade que comporta e ter en conta que dispoñibilidade se ten para coidar adecuadamente do can e o custo económico que igualmente comporta a vacinación, alimentación ou o chip.
De igual forma, hai outras cuestións para ter en conta, como a raza, o tamaño e características da mesma, se é máis idóneo un cachorro ou un animal adulto, se optar por un macho ou unha femia, e mesmo o clima en que vivimos e no que por tanto vai vivir o can.
Para esta ocasión, a imaxe que acompaña ao podcast corresponde a tres cans mestizos que poden adoptarse, preferible aínda que non neceseriamente xuntos: Ron, Linda e Rubio. Teñen entre dez e once meses, teñen boa socialización, os dous machos están castrados e proximamente estarao tamén a femia. Quen estea interesado pode chamar á protectora viguesa 'Tú eres nuestra ayuda' ao teléfono 673 946 671.