A Xunta descontará o custo do transporte urbano ao Concello se este non asume este servizo voluntariamente
Por Oskar Viéitez
O director xeral de Mobilidade da Consellería de Infraestruturas, Ignacio Maestro, remitiu unha carta ao concelleiro de Mobilidade do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez, na que lle informa dos seguintes pasos que vai dar o goberno galego no desenvolvemento da segunda fase do Plan de Transporte Público de Galicia de cara a 2019, data de caducidade das actuais concesións de transporte interurbano por estrada.
Ignacio Maestro sinala que "este é un momento acaido para que tamén dende o Concello de Pontevedra se aborde a implantación do servizo de transporte urbano", que como cidade de máis de 50.000 habitantes está obrigado a prestar. "Isto posibilitaría unha maior coordinación coa planificación do transporte que está a levar a cabo a Xunta", engade.
A día de hoxe hai unha serie de liñas de transporte público regular de uso xeral de viaxeiros por estrada que, a pesar de estar sendo prestadas en base a concesións autonómicas, discorren integramente polo termo municipal pontevedrés e que, polo tanto, a lei indica que deben pasar a ser prestados os seus tráficos, na forma actual ou de calquera outra, polo Concello.
As datas nas que estas concesións autonómicas rematan son o 7 de agosto de 2019 no caso das concesions XG-525 e XG-528 que fan os servizos entre Pontevedra e o Hospital Montecelo e o "trole" Marín-Pontevedra. O 2 de decembro de 2019 rematarán as concesións V-2613 e V-0533 que con diferentes variantes fan o percorrido de Pontevedra-Monte Porreiro, e tamén Pontevedra-San Blas-Salcedo-Birrete-Figueirido-Armada-O Casal, e a liña entre Pontevedra-O Marco-Pazos-Ermida-Ponte Bora.
A consellería ofrécese ao Concello de Pontevedra, no caso de que opten por manter o deseño das liñas de transporte actuais, a entregarlle un anteproxecto de explotación completo. En todo caso, requíreselle para que, no prazo de 14 días naturais, "comunique a esta consellería a súa intención inequívoca ao respecto de iniciar a prestación do servizo de transporte colectivo urbano de viaxeiros, ben sexa co deseño das actuais liñas de transporte ou ben co deseño alternativo que prefira, en exercicio da súa autonomía local".
Fáiselle saber, ao mesmo tempo, que a Xunta "non ten intención de deixar sen o servizo de transporte público á cidadanía do Concello de Pontevedra" e, nese sentido, no caso que por parte do concello non se manifeste o seu compromiso firme de iniciar a prestación do servizo de transporte colectivo urbano de viaxeiros nun prazo compatible coa extinción dos actuais servizos de competencia autonómica, "implantaranse as medidas necesarias para garantir a prestación do servizo".
Neste caso, a Xunta de Galicia reservase o dereito de descontar da participación no Fondo de Cooperación Local que lle corresponda ao Concello as achegas económicas que a administración autonómica deba realizar para compensar os déficits de explotación dos servizos prestados.
Relacionadas:
-
A Xunta cita ao Concello o martes en Santiago para falar sobre o transporte público
Por Redacción |
-
A Xunta non ve "desenvolvida" a proposta de Pontevedra para o transporte a demanda
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
O PP lamenta a "parálisis total" do Concello co transporte público
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra buscará "alternativas" para o bus urbano pero non aceptará "ameazas" da Xunta
Por Alejandro Espiño |
-
Rafa Domínguez esixe ao BNG que "se deje de excusas" e implante o transporte urbano
Por Alejandro Espiño |
-
Lores chamará por teléfono a Núñez Feijóo para falar do transporte público
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello plantará á Xunta nunha reunión sobre o plan de transporte pola súa "improvisación"
Por Natalia Puga |
-
Concello e Xunta estudan implantar un transporte público "racional e eficiente"
Por Redacción |
-
O Concello propón á Xunta crear unha "comisión técnica bilateral" sobre o transporte público
-
O Concello de Pontevedra, defraudado co "trágala" da Xunta, quere estudar o plan de transporte metropolitano
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Sanxenxo, Moraña e Bueu elevan a doce concellos o plan de transporte metropolitano de Pontevedra
Por Redacción |