Unha 'caixa do tempo' para lembrar o "día histórico" no que se puxo a primeira pedra da piscina de Bueu
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o alcalde de Bueu, Félix Juncal; e o deputado provincial Xosé Leal colocaron este sábado a primeira pedra para a construción da piscina municipal cuberta da localidade.
O acto contou coa proxección dun audiovisual coas imaxes da futura piscina e coas explicacións técnicas da obra e tamén serviu para enterrar unha cápsula do tempo na que deixaron nunha furna os xornais do día e un almanaque de igualdade elaborado polo alumnado de centros educativos do municipio.
A piscina cuberta de Bueu era unha das prioridades do Concello desde hai máis de dez anos. Neste senso, Carmela Silva manifestou a súa emoción "nun dia que marca un antes e un despois" no municipio e destacou que se trata dun "soño compartido ata agora imposible debido á insensibilidade de administracións que non entenderon que os recursos non son patrimonio de quen as gobernan, son o instrumento que ten a xente para que eses soños se convertan en realidades".
A presidenta provincial defendeu que "somos a administración que máis está a investir na provincia" e fixo un chamamento á Xunta de Galicia para que "invistan nunha provincia que é o motor de Galicia e porque os investimentos manteñen a economía, as empresas e o emprego".
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, destacou que "é un día importante porque é o día soñado por todas e todos" e "o resultado dun soño colectivo compartido por moita xente da vila desde hai moitísimos anos".
As obras da piscina cuberta comezaron hai dous meses e actualmente están na fase de cimentación. Está situada nas Lagoas e o seu edificio está proxectado en tres alturas. Contará cun vaso de 25 metros por 15 e ata seis rúas, este novo espazo disporá de salas para actividades deportivas dirixidas, ludoteca e ata un espazo acondicionado para ver o interior da piscina.
O proxecto foi elaborado sobre a base do aforro enerxético para reducir os custos de explotación e contará con medidas de eficiencia enerxética como placas fotovoltaicas, paneis captadores orientados ao sol para absorber enerxía solar.
A obra foi adxudicada á empresa Gómez Crespo SL por un importe de 2.259.281 euros e conta cunha subvención da Deputación de Pontevedra, a través do Plan de Reequilibrio Territorial, que achega 1,5 millóns de euros, e das anualidades do 2018 e 2019 do Plan Concellos, de tal forma que o Concello só farían fronte a menos de 50.000 euros.
Relacionadas:
-
Garanten que a piscina municipal cuberta estará rematada "en febreiro ou marzo" de 2020
Por Redacción |
-
Bueu adxudica as obras da piscina e proxecta tres novas actuacións na vila
Por Redacción |
-
Bueu adxudica a rehabilitación da casa consistorial e avanza nos trámites da nova piscina
Por Oskar Viéitez |
-
A piscina de Bueu, en marcha: Deputación e Concello asinan un convenio "histórico"
Por Redacción |