Máis de 120 persoas reflexionan no Pazo sobre as necesidades das persoas xordas, xordocegas e con perda auditiva
Por Redacción
Máis de 120 persoas participaron este sábado na segunda Xornada de Diversidade Sensorial 'Xuntos avanzamos' organizada pola Organización de Diversidade Sensorial de Galicia, XOGA, na que analizaron a realidade, actualidade e necesidades do colectivo das persoas xordas, xordocegas e con perda auditiva e chegaron, entre outras cuestións, á conclusión de que a lingua de signos debería ser unha materia obrigatoria nos centros educativos polo seu contido enriquecedor e a súa vertente integradora entre o alumnado.
A xornada, celebrada no Pazo da Cultura de Pontevedra, contou coa participación dunha ducia de relatores e incluíu conferencias centradas no eido sanitario, social e educativo, este último cunha táboa redonda centrada en experiencias e retos de futuro do sistema educativo, así como coa intervención do adestrador de cans para intervencións con persoas con diversidade sensorial Juan Pellitero.
Os relatores incidiron na necesidade de dar cobertura personalizada e adaptada ás necesidades de cada persoa con diversidade sensorial para acadar a plena integración e visibilización na sociedade e a autonomía persoal e autoestima necesaria para gozar de calidade de vida.
O acto de apertura estivo presidido pola presidenta de Xoga, María Jesús Monterde, que estivo acompañada polo presidente da Federación Nacional de Sordoceguera, Fesoce, Ricard López; a concelleira de Benestar Social, Muller e Igualdade do Concello de Redondela, Carmen Amoedo; Arturo Parrado, director xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia; a deputada de Cohesión Social da Deputación Provincial de Pontevedra, Digna Rivas; e Anxos Riveiro, concelleira de Benestar Social do Concello de Pontevedra.
Na súa intervención a presidenta de Xoga destacou a "importancia de subliñar a diferenza dentro da igualdade de cada persoa, independentemente de cales sexan as súas características persoais" e da necesidade de romper tabúes para cambiar a mentalidade da maioría da sociedade.
Entre as ideas desprendidas da xornada destacan a urxente necesidade de unir forzas, políticas, institucionais e sociais para traballar unidas nunha mesma dirección en favor de acadar os plenos dereitos das persoas con diversidade sensorial e a importancia de continuar traballando e reclamando os dereitos e o cumprimento de normativas necesarias para a plena inclusión social.
Relacionadas:
-
O Pazo da Cultura acolle por segundo ano unha xornada sobre a diversidade sensorial
Por Diego Espiño |
-
Aberto o prazo para apuntarse a dous cursos para persoas con perda auditiva, xordeira e xordocegueira
Por Redacción |
-
VIDEO.- "Xoga coas manciñas" leva a ledicia ao salón de plenos da Deputación
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |