Adquiren tres parcelas para o acceso ao futuro centro deportivo da Parda
Por Alejandro Espiño
Os 34.650 metros cadrados que ocupará o futuro centro deportivo da Parda, que estará situado entre a estación de tren e os xulgados, só teñen un acceso público pola rúa Entrevías. Pero o Concello iniciou os trámites para adquirir uns terreos que permitirá que a entrada principal ao recinto estea nas inmediacións do edificio xudicial.
Segundo explicou o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, hai "sintonía" entre o Concello e os propietarios de tres parcelas, de entre 68 e 255 metros cadrados, para compralas e, de feito, o prezo xa está pactado.
Así, o goberno municipal destinará a esta adquisición un total de 168.842,70 euros.
Este era un paso necesario, segundo González, para seguir avanzando na tramitación deste proxecto, do que ata agora tan só se presentara un anteproxecto redactado polo estudo de arquitectura Rodríguez Pintos, divulgado en marzo de 2017.
O anteproxecto incluía a construción dun gran pavillón polideportivo con capacidade para unhas 2.000 persoas e un segundo pavillón especializado na práctica da ximnasia.
O complexo deportivo contaría ademais cunha gran zona verde e recreativa de 9.000 metros cadrados, pistas deportivas ao aire libre e un aparcadoiro con capacidade para uns 220 vehículos, situado na entrada principal ao recinto.
Relacionadas:
-
O tenis de mesa terá un pavillón específico en Monte Porreiro
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello buscará alternativas para os ximnastas á espera do novo pavillón da Parda
Por Manu Otero |
-
Lores sobre o complexo deportivo da Parda: "gustaríame que estea rematado en 2019"
Por Diego Espiño |
-
O complexo da Parda promete ser, segundo o Concello, unha "revolución" deportiva e arquitectónica
Por Alejandro Espiño |