Marín contrata a redacción do proxecto do parque forestal de Lagocheiras
Por Oskar Viéitez
O Concello de Marín adxudicou a Landra Consultora Forestal a redacción do proxecto do parque forestal de Lagocheiras da comunidade de montes de Santomé de Piñeiro. Este contrato ten un importe de 5.340 euros e está financiado pola Deputación ao aveiro da convocatoria de subvencións a concellos destinada á mellora dos montes mediante a creación de parques forestais.
Este proxecto contempla a creación dun arboreto con especies autóctonas representativas do bosque climático oceánico, a posta en valor dos xacementos arqueolóxicos, a sinalización e identificación de elementos de interese cultural, natural e deportivo localizados no interior do parque forestal e o acondicionamento do entorno de Casa de Lagocheiras e da Ruta das Mámoas do Morrazo, asi como a creación dun miradoiro.
Ademáis habilitaranse pequeñas zonas destinadas a produccións alternativas como setas ou froitos do bosque.
O parque forestal de Lagocheiras localízase na paraxe coñecida como Chan de Xaxán. A meirande parte da superficie atópase cuberta por especies frondosas autóctonas, principalmente castiñeiros, bidueiros e carballos que forman un corazón verde que se estende por case 50 hectáreas no interior do monte veciñal.
Nos últimos anos, este entorno sufríu unha gran trasformación. Anteriormente a meirande parte da superficie estaba cuberta de eucaliptais. Posteriormente estas masas foron cortadas, procedendo nalgúns casos a repoboacións con frondosas caducifolias, e noutros, logo da eliminación do eucalipto, a realizar tratamentos silvícolas respectuosos cos rexenarados de frondosas existente, e que hoxe en día forman verdadeiras fragas de alto valor ecolóxico.
As actuacións realizadas leváronse a cabo seguindo os obxectivos marcados pola comunidade de montes, no proxecto de ordenación forestal, onde un dos principais obxectivos consistía na redución da superficie comunal cuberta de especies alóctonas invasoras como o eucalipto, e na súa transformación en carballeiras e soutos de castiñeiros, tratando de recuperar o bosque autóctono.
A finalidade deste cambio, ademáis de constituir unha mellora ambiental e paisaxística, realizouse como medida de prevención de incendios forestais, creando un cortalumes natural verde de mais de 50 hectáreas, para evitar ou dificultar a propagación dos lumes forestais.
O parque sitúase nun entorno forestal, rodeado por piñeirais e moi próximo a outros lugares de interese como o Parque de Castiñeiras e a Area de Lecer de Chan de Arquiña.
No seu interior, nace o Rego de Neibo, tamén coñecido, dependendo do tramo do río, como Loira e Noias. Nas súas marxes localízanse numerosos mananciais que abastecen de auga o Concello de Marín e forman unha frondosa valgada. No seu entorno desenvólvese a vexetación típica de ribeira, de alto valor ecolóxico, e cuxa conservación e mellora é obxecto do presente proxecto.
Nas inmediacións do parque localízanse os altos Formigoso e Corno Pineda, ambos miradoiros naturais que proporcionan unhas magníficas vistas sobre as Rías de Pontevedra e Vigo.
Relacionadas:
-
Os comuneiros de Santomé adecentan o Parque de Lagocheiras
Por Redacción |
-
A Deputación impulsa o parque forestal de Antas
Por Redacción |
-
O primeiro Parque Forestal do Castrove contará cuns 30 quilómetros de sendas
Por Oskar Viéitez |
-
Ponte Caldelas deseña o seu primeiro parque forestal
Por Redacción |
-
Última oportunidade para crear parques forestais nos montes da provincia
Por Redacción |