Volve á praza do Teucro a feira de artesanía e agasallo
Por Oskar Viéitez
Fiel a súa cita coa Boa Vila regresa polo Nadal á Praza do Teucro a feira de artesanía e agasallo. Esta iniciativa está organizada polo Centro Comercial Urbano Zona Monumental coa colaboración do Concello.
A feira chega cunha imaxe renovada, "As Nadaladas do Teucro - Pontenadal". Abrirá as súas portas ao público o vindeiro xoves 20 de decembro e permanecerá aberta ata o 5 de xaneiro todos os días en horario de 11 a 14 horas e de 17 a 21.30 horas, excepto o día de Nadal e o de Aninovo que estará pechada toda a xornada.
Nesta edición a feira conta con 32 postos de venda de produtos feitos a man en materiais como coiro, pel, cerámica, pintura, téxtil, prata, produtos apícolas, complementos, xoguetes de madeira, artesanía en oliveira, cervexa artesá e unha chea de agasallos para este Nadal.
Do mesmo xeito que en anteriores edicións, tamén participarán as ONG Asociación Alba, Amencer e Solidariedade Internacional.
Desde o Centro Comercial Urbano Zona Monumental sinalan que a participación é similar á de edicións anteriores, quedando expositores na lista de reserva, o que destacaron como unha proba do éxito desta feira.
Nesta XVIII edición case todos os expositores son da provincia de Pontevedra (Pontevedra, Poio, Vigo, Cangas, Bueu, Marín, O Grove, Ponte Caldelas, A Coruña, Lugo e Ourense). A inauguración será o xoves 20 as 11.00 horas.