Máis policías nas rúas comerciais para ter un Nadal seguro
Por Redacción
Desde o pasado venres 14 de decembro, a Policía Nacional aumentou a súa presenza na rúa nas zonas comerciais de Pontevedra no marco do plan 'Comercio Seguro', que ten como obxectivo previr os actos delituosos durante o Nadal e permanecerá activo en todo o país ata o 8 de xaneiro.
Hai un maior número de axentes tanto de uniforme como de paisano que repercutirá na seguridade cidadá e que funciona segundo un plan específico coordinados pola Comisaría Provincial.
'Comercio Seguro' consiste nun dispositivo operativo especial que a Policía Nacional realiza anualmente en toda España para previr a comisión de feitos delituosos como furtos, roubos con violencia ou intimidación, roubos con forza ou fraudes.
En conceto, o labor policial intensifícase naqueles lugares onde se produzan aglomeracións de persoas, especialmente nas zonas comerciais e de lecer, rúas de maior tránsito das grandes e medianas cidades, mercadillos do Nadal e zonas de entretemento. Ademais, a Policía Nacional poñerá especial atención á prevención de butróns, que nestas datas adoitan incrementarse debido ao aumento de mercadorías existentes tanto en almacéns como en tendas.
Os servizos realizaranse diariamente nas franxas horarias de maior actividade comercial e afluencia de público. Ademais, a app para teléfonos móbiles ' Alertcops' do Ministerio do Interior permitirá que unha persoa poida comunicar unha alerta sobre calquera feito delituoso.
O dispositivo especial de Comercio Seguro contempla a celebración de Xuntas de Seguridade e a intensificación da colaboración co persoal de seguridade privada, acordando cos respectivos directores ou xefes de seguridade os procedementos operativos que procedan en cada caso, especialmente no relacionado coa tramitación das denuncias que deban efectuar os vixiantes de seguridade.
Durante estes días distribuiranse guías e trípticos con consellos de seguridade a asociacións e comerciantes, elaborados polo Ministerio de Economía e Empresa. Estes documentos recollen, entre outras pautas, un decálogo para os comerciantes, entre cuxos consellos destacan instalar un sistema de peche seguro, manter unha luz na fachada durante toda a noite, instalar un timbre exterior para a apertura remota do local ou evitar facer o reconto de caixa a última hora nin facelo en solitario.
A Policía recomenda igualmente que, en caso de atraco, o comerciante non se enfronte nunca co delincuente, especialmente se vai armado. Tamén se recollen outros consellos para a seguridade do establecemento, os produtos e a xestión de fondos. Poderán tamén consultarse na guía de Comercio Seguro, publicada na web oficial www.policia.es.
Relacionadas:
-
Misión: un Nadal libre de roubos e covid-19
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Dispositivo especial da Policía Nacional para garantir un comercio seguro este Nadal
Por Redacción |
-
RADIO.- Conversas na Ferrería: E para ti, cal é a mellor campaña publicitaria deste Nadal?
Por Marisa Ciordia |
-
A Policía desprega cinco controles de seguridade na cidade por roubos en vivendas
Por Oskar Viéitez |
-
A Policía Nacional retoma as patrullas en moto
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Activan un plan para ter un comercio seguro este Nadal
Por Redacción |