Ponte Caldelas recupera o hotel da Reigosa
Por Redacción
A mediados de xaneiro. É a data que barallan os novos propietarios do hotel da Reigosa para reabrir o establecemento, situado na entrada aos polígonos industriais do Campiño e da Reigosa.
A empresa ourensana Galsur de Inversiones, con Carlos Casas á cabeza, apostou pola súa adquisición e posta en servizo. As obras de rehabilitación xa están en marcha.
O hotel está dotado de 15 habitacións e as obras de acondicionamento están a consistir nunha reestruturación completa da cafetería-restaurante para darlle un aire moito máis contemporáneo. O restaurante traballará diariamente ofrecendo tamén un menú executivo cunha boa calidade-prezo.
A empresa, que está especializada en xestión hoteleira, tentará tamén obter a cualificación de dúas estrelas, mellorando así a anterior. O modelo de negocio estará orientado á captación de comerciais que operen na contorna dos polígonos industriais, pero ofertando tamén alternativa de aloxamento para turistas que visiten a comarca.
Carlos Casas, que se entrevistou co alcalde, subliñou que a situación do hotel A Reigosa é idónea, apegado a un gran centro de traballo e a cabalo entre Pontevedra e Ponte Caldelas, unha zona en crecemento, con proxección económica e turística e que precisaba dunha oferta hoteleira propia.
Os outros establecementos hoteleiros situados no centro de Ponte Caldelas, segundo Andrés Díaz, tamén están a rexistrar interese nos últimos meses. Diversos empresarios do sector se están dirixindo tanto ao Concello como aos propietarios dos establecementos históricos do municipio, todos eles pechados dende hai anos.