Manuel Entenza Conejo foi o primeiro bebé que nacía no Hospital Provincial este 2018. Aínda non é posible saber quen será o bebé que peche a cifra de nacementos nestas dependencias durante estes doce meses; pero o que si se pode afirmar é que entre un e outro o resultado final é un descenso da natalidade na área sanitaria Pontevedra.
Pilar Crespo, pediatra neonatóloga, e Natalia Alonso , supervisora de partos; ambas no Hospital Provincial, sinalaban en PontevedraViva Radio que o 2018 será "dos peores do últimos catro anos".
A tendencia á baixa vén sucedéndose, con maior ou menor oscilación, desde hai oito anos. Mentres 2010 concluíuse con case 1.900 nacementos no Complexo Hospitalario de Pontevedra, nos anos seguintes foi reducíndose progresivamente a natalidade ata oscilar nos tres últimos ao redor dos 1.550 bebés. O ano pasado contabilizáronse 1.552 nacementos.
Desta forma e a falta de que a administración sanitaria poida contabilizar os partos destes dous últimos meses, ata outubro foron 1.125 nacementos os que se produciron no Provincial, fronte aos 1.242 do ano anterior no mesmo tempo; isto é, 117 menos. Facendo unha proxección baseada nestas cifras, poderíase concluír este ano cuns 1.350 nacementos. Así, a caída no Hospital pontevedrés superaría lixeiramente os 200 bebés.
SITUACIÓN SEMELLANTE NO SALNÉS
Na comarca do Salnés a tesitura tamén evidencia descenso da natalidade. Mirando o mesmo período que se sinala no Hospital Provincial, - do mes de xaneiro a outubro-, nese intervalo do pasado ano naceron 411 bebés, mentres nestes dez últimos meses naceron 374. O resultado por tanto, 37 menos.
Durante todo o 2017 no Hospital do Salnés naceran 505 criaturas. Realizando a mesma previsión que no caso da capital seguindo a dinámica destes datos, poderíase acabar o ano con 448 bebés, o que resultaría 57 menos que no ano 2017.
Comparativamente entre ambos os dous centros do complexo hospitalario, o descenso sería algo máis acusado no hospital pontevedrés.