Rematada a mellora integral da Xunqueira da Gándara
Por Redacción
O Concello de Pontevedra rematou nestes días os traballos de mellora do parque da Xunqueira da Gándara (Alba) que realizou a empresa Naturgalia durante estes últimos meses, por 184.735,57 euros.
Foi unha actuación branda xa que a Xunqueira da Gándara é un espazo natural e hai que respectar o seu carácter de espazo protexido, xa que está declarado ENIL (Espazo Natural de Interese Local).
No proxecto limpáronse todos os sumidoiros e a canalización da recollida de augas pluviais situadas no lateral dos paseos, ao carón do río Rons, para que drenasen ben e evitaran facer charcas. No seu momento estaban cubertos por xabre, que os facía inoperativos.
Fíxose unha intervención integral no mobiliario público do parque. Limpáronse, reparáronse e substituíronse os elementos dos bancos para que estivesen en boas condicións de uso; pintáronse e reparáronse as fontes e tamén as luminarias situadas nos paseos centrais.
Tratáronse todos os paseos achegando xabre nos puntos que foi necesario e nivelándoos para que estean en bo estado de uso. Retiráronse todas as pasarelas de madeira -algunha delas pechada dende fai anos- e substituíronse por novas. Tamén se mellorou, con limpeza, pintado e tratamento, as dúas casetas de avistamento de aves.
O último dos traballos que realizou a empresa adxudicataria foi a creación dun miradoiro na entrada da Xunqueira da Gándara, aproveitando o espigón dunha das pontes que cruzaban a canle do río Rons -agora demolida-. Habilitouse na marxe esquerda; e o espigón da outra marxe, demoleuse.
O novo miradoiro era un acceso de madeira que foi rehabilitado, substituíndo as pezas de madeira en mal estado por outras novas; pintouse, e instalouse unha varanda para poder contemplar o río con seguridade.
Unha vez rematada esta intervención, o Concello continuará co mantemento habitual da Xunqueira da Gándara, sen actuacións de envergadura, pero si de sostemento para garantir que continúe a manter o seu carácter natural compatible cos usos que lle dan os pontevedreses a diario: de encontro, paseo e espazo deportivo, fundamentalmente.