Melloran dous camiños para permitir o paso de vehículos de emerxencias ata casas de Forzáns
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas puxo en marcha unha actuación que permitirá mellorar dous pasos estreitos que, ata o de agora, impedían o paso de vehículos de emerxencias e mesmo dalgúns tipos de vehículos particulares ata algunhas vivendas do lugar de Forzáns.
As obras forman parte do plan municipal de ampliación de camiños rurais e afectan aos lugares de A Costa e O Regueiro. Nos dous casos, había demandas da veciñanza presentadas dende hai tempo no Concello que quedarán finalmente solucionadas en cuestión de días.
Segundo informou o Concello, no caso de A Costa, esta pista municipal dá servizo a media ducia de vivendas, polo que a obra supón unha importante mellora na calidade de vida para os residentes. Estanse a atrasar dous tramos de muro para conseguir pasar dun ancho de escasamente dous metros a uns 3,50 metros. Neste lugar, ao problema da escasa anchura engadíase a forte pendente neste tramo, que dificultaba aínda máis a manobra dos vehículos.
No lugar de O Regueiro vaise pasar de pouco máis de dous metros a case catro grazas á reconstrución dun tramo de muro de case 100 metros. A obra era especialmente necesaria porque o balcón dunha casa, situado a escasa altura, impedía o paso dos vehículos cun gálibo superior ao dos turismos, como é o caso das furgonetas e furgóns.
O Concello tamén deu a coñecer que prepara o asfaltado integral da pista municipal que discorre baixo a alameda e a igrexa de Forzáns, que articula boa parte das comunicacións do núcleo. A obra, a máis importante do mandato municipal para este núcleo, vaise realizar a principios do ano próximo, dado que o procedemento de licitación está moi avanzado.