Reservan 110.000 euros para comprar os terreos e deseñar a residencia de Carballedo
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade reservará unha partida de 110.000 euros para avanzar na construción da futura residencia da terceira idade de Carballedo.
Tras a derradeira xuntanza mantida polo goberno local para perfilar a previsión de contas do próximo exercicio, acordouse a inclusión dunha partida de 50.000 euros para acometer a adquisición dos terreos, nas proximidades da capela de San Roque e do futuro aparcadoiro fronte ao centro de saúde, e doutra de 60.000 euros para a redacción do proxecto construtivo.
O presidente municipal, Jorge Cubela, entende que dado que o plan especial de dotacións da residencia debería quedar definitivamente aprobado no mes de febreiro, é fundamental que se dean estes dous pasos durante o vindeiro ano para proceder á licitación das obras e da explotación do complexo, trámite que agardan para finais de 2019 ou comezos de 2020
Na actualidade, e de xeito paralelo a estas previsións económicas, o proxecto da residencia de Carballedo afronta a fase final da súa adecuación urbanística e tan só falta o ditame da Xunta de Galicia, que Cerdedo-Cotobade conta con que sexa positivo.
O proxecto, impulsado polo goberno municipal, contempla un investimento duns tres millóns de euros para a construción dun edificio de 3.304 metros cadrados que se situaría nunha parcela de máis de 8.000 metros situada no centro do núcleo da Chan.
Este xeriátrico contará inicialmente con 59 prazas de residentes e xerará unha vintena de postos de traballo.
Relacionadas:
-
O grupo socialista de Cerdedo-Cotobade solicita a creación dun centro de día en Carballedo
Por Redacción |
-
Paso adiante para a construción da Residencia da Terceira Idade en Carballedo
Por Redacción |
-
A residencia de maiores de Carballedo, pendente dun ditame de Urbanismo da Xunta
Por Redacción |
-
Os investimentos en Carballedo roldarán os 700.000 euros entre final de ano e 2019
Por Redacción |
-
O Concello avanza na tramitación do plan especial para a construción da residencia de Carballedo
Por Redacción |