Os seis concellos da comarca do Umia terán presencia na FairWay
Por Redacción
Os Concellos de Barro, Caldas, Cuntis, Portas, e Campo Lameiro participarán por segundo ano consecutivo na FairWay, a Feira Internacional sobre o Camiño de Santiago que se celebrará en Compostela do 10 ao 12 de febreiro.
Nesta ocasión, tamén se suma a esta iniciativa o Concello de Moraña, co fin de completar unha oferta turística comarcal.
Todos eles acudirán unidos baixo o lema "Ven ao interior das Rías Baixas" co que pretenden resaltar o patrimonio, gastronomía, espazos naturais e termalismo dos seis municipios.
Así se decidiu nunha reunión celebrada este xoves no Centro Cívico de Barro, coa presencia dos tenentes de alcalde de Barro, Caldas, Campo Lameiro e Moraña, José Sanmartín, Manuel González, Nieves Boullosa e José Cela e o técnico de turismo de Cuntis, Manuel de Roque.
Os seis Concellos da Comarca do Umia terán presencia na FairWay cun stand de 18 metros cadrados, no que tamén estarán presentes empresarios locais de cada municipio expoñendo os seus productos e servizos.
Ao igual que en anos anteriores, serán os propios representantes políticos e os técnicos dos Concellos os que atendan aos visitantes que se acheguen ao stand para interesarse pola súa oferta cultural e turística.