Os colectivos animalistas esixen contundencia no caso do gato tiroteado en Salcedo
Por Redacción
As asociacións animalistas Libera e a Fundación Franz Weber mostraron este luns a súa "preocupación" pola denuncia realizada a pasada fin de semana desde Difusión Felina Pontevedra achega do achado dun gato tiroteado e coa columna seccionada na parroquia pontevedresa de Salcedo.
Os animalistas esixiron publicamente "contundencia" contra o autor ou autores do que consideraron "un covarde acto de crueldade animal, novamente empregando unha arma para disparar a un felino indefenso que debeu ser sacrificado ante a gravidade do seu diagnóstico, converténdose nun caso de malos tratos con resultado de morte".
Neste sentido os colectivos lembran que, desde a reforma do Código penal de 2015, os malos tratos cara aos animais é obxecto de persecución penal, con penas de prisión de ata 2 anos, que se sumarían ás posibles inhabilitacións para a tenencia, comercio ou profesión relacionada con animais por un máximo de 36 meses.
Ademais as asociacións animalistas apuntan que a Lei de Benestar Animal de Galicia contempla sancións de 5.001 a 30.000 euros para quen maltrate ata a morte a un ser vivo, "como o caso de Salcedo", podendo ademais inhabilitar ao autor durante un máximo de dez anos para a tenencia de animais.
Por este tipo de situacións estes colectivos acaban de solicitar no Parlamento de Galicia a creación dun "Rexistro autonómico de persoas maltratadoras de animais", co obxectivo de "identificar e manter baixo control a persoas sancionadas ou condenadas en firme por casos de crueldade cara a seres vivos, evitando que poidan adquirir ou mesmo adoptar animais".
As organizacións pediron ao Concello de Pontevedra que desenvolva campañas de sensibilización, "co obxectivo de previr condutas deste tipo", pero tamén para "concienciar á cidadanía da necesidade de denunciar calquera sospeita de crueldade". Subliñan os animalistas que durante este ano non se executou o orzamento para este tipo de iniciativas na localidade.