Denuncian ante a Garda Civil de Sanxenxo a agresión dun mozo a dúas mulleres
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil de Sanxenxo recolleu varias denuncias contra un home novo que agrediu a dúas mozas durante a madrugada deste domingo.
A concelleira do BNG Sandra Fernández Agraso foi unha das testemuñas deste suceso e é tamén unha das denunciantes.
Segundo fixo público, a agresión machista tivo lugar no paseo da Praza dos Barcos nas proximidades do Porto.
Todo empezou no momento no que un dos membros dunha cuadrilla de rapaces increpou a un grupo de mozas que estaba na zona con frases como "aquí cheira a regra que apesta" unha actitude que lle afeou unha das mulleres cando "o tipo levantou o brazo e coa parte externa da man doulle un ostiazo, que sonou dunha maneira brutal. A rapaza perdeu o equilibrio e tivo a gran sorte de que as amigas a suxeitaron porque do golpe caeu para atrás", explicou a concelleira que foi testemuña do suceso xunto a uns matrimonios que coincidiran antes coa cuadrilla no mesmo restaurante.
Aínda que os amigos do presunto agresor agarrárono este soltouse e dirixiuse a por outro grupo distinto de mozas "e sen dicir nada mételle outro ostiazo a outra rapaza que desta vez se cae redonda ao chan do gran golpe que lle dou".
Entre as persoas alí presentes tentaron reducir a este mozo que cando se viu rodeado fuxiu correndo cara á praia de Silgar.
Do suceso hai gravacións con teléfonos móbiles que axudaron á Policía Local na identificación deste individuo.