Ponte Caldelas deseña o seu primeiro parque forestal
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas está a impulsar o deseño do seu primeiro parque forestal despois de ter concorrido ás subvencións para este fin convocadas pola Deputación de Pontevedra. O equipo municipal traballa na planificación dunha superficie 64 hectáreas que se reparte por o val do río San Vicenzo, ao longo dos montes e as contornas de Paradela e Gradín e abrangue tamén a área arqueolóxica de Tourón e o campo de Taboadelo.
O proxecto do parque forestal de Ponte Caldelas, cun orzamento de 10.971,43 euros, dos que a Deputación subvenciona o 80% e o Concello achega o 20% restante, permitirá crear un corredor ecolóxico, seguindo o curso deste río, afluente do Verdugo.
Este espazo acabaría coa fragmentación do bosque de ribeira e prados húmidos existentes, buscando unha continuidade que serva como corredor ecolóxico, tanto para as especies vexetais como para a fauna. Non en van identificáronse un total de 26 especies de anfibios, réptiles, aves e mamíferos, varias delas ameazadas e/ou recollidas na directiva Habitat.
O parque forestal está tamén concibido como un escudo contra o lume, toda vez que a vexetación frondosa autóctona presenta unha maior resistencia que as invasoras (eucaliptos, piñeiro ou acacias). A elección deste espazo non é casual. O plan marco de xestión integrada da mancomunidade de montes de Ponte Caldelas, do ano 2008, xa a contempla como un dos espazos mellor conservados do concello.
Os terreos incluídos pertencen tanto a comunidades de montes como a propietarios particulares, cos que se está a falar para a corta das invasoras, limpeza e venta conxunta da madeira antes de proceder á revexetación con especies autóctonas.
O futuro parque forestal atesoura tamén importantes valores culturais que podemos situar na Idade de Bronce, como a área arqueolóxica de Tourón; na Idade de Ferro, como o castro de Tourón; así como abundantes elementos de etnografía popular construídos do século XII en diante, como pontellas, muíños, camiños empedrados, cruceiros e mesmo arquitectura relixiosa.
O goberno local prevé a roza e sinalización dun novo sendeiro de 10 quilómetros que conectaría os núcleos dando continuidade ao de San Vicenzo, chegando ata Taboadelo. En Gradín actuaríase nunha área de 6 hectáreas realizando mantemento da área de defensa da aldea e creando pequenas infraestruturas para o gando. No propio val do San Vicenzo (33 hectáreas) eliminaríanse as especies invasoras para substituílas por vexetación autóctona, actuacións de recuperación de microhábitats para a fauna ameazada, consolidación de muíños e mellora do sendeiro de San Vicenzo.
En Tourón (16 hectáreas), pola súa banda, prevese a eliminación das acacias que hai na zona próxima á estación rupestre do Nabal de San Martiño; e en Taboadelo (9 hectáreas) quérese podar e rozar as masas de frondosas, tratar os castiñeiros queimados no monte Abelán e, finalmente, poñer en valor a contorna dos seus cruceiros.
O proxecto contempla tamén o impulso no futuro dende o Concello para acadar a declaración do val de San Vicenzo como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), para o que será necesario delimitalo axeitadamente e elaborar os plans coas normas de uso e aproveitamento, así como a identificación dos valores a protexer.
Ao tempo contémplase a actuación directa sobre o castro de Tourón, superando a dificultade de que trátase dunha propiedade particular dividida en 63 fincas. Actualmente está invadido de eucaliptos que arderon nos anos 2006 e 2017, polo que se propón a súa limpeza, corta e extracción da madeira e elaboración dun proxecto de divulgación.
Finalmente, proponse un plan de visitas guiadas, a posibilidade dun campo de traballo e de voluntariado ambiental.
Relacionadas:
-
Oito municipios da área de Pontevedra reciben axudas para acondicionar parques forestais
Por Redacción |
-
A Deputación impulsa o parque forestal de Antas
Por Redacción |
-
O primeiro Parque Forestal do Castrove contará cuns 30 quilómetros de sendas
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello retranquea un muro do paseo do río Verdugo
Por Redacción |
-
Marín contrata a redacción do proxecto do parque forestal de Lagocheiras
Por Oskar Viéitez |
-
Última oportunidade para crear parques forestais nos montes da provincia
Por Redacción |
-
A Deputación aproba axudas para crear novos parques forestais
Por Oskar Viéitez |
-
Na área arqueolóxica de Tourón medra a herba onde antes había toxos
Por Redacción |