Marín ultima a compra do Liceo Casino para reconvertelo en arquivo municipal
Por Redacción
O Concello de Marín está a xestionar a adquisición da antiga sede do Liceo Casino, sociedade disolta recentemente. O obxectivo é destinar este inmoble a un arquivo municipal onde, de maneira conxunta, póidanse consultar todo tipo de expedientes.
Ademais, o goberno municipal pretende completar estes usos con actividades de lecer, servizos e tempo libre, cedendo espazo a asociacións e colectivos do concello.
A falta dunha serie de informes técnicos e económicos, a oferta de compra está valorada nuns 40.000 euros, unha cantidade que o Concello considera asumible para as arcas municipais.
"Cremos que é unha oportunidade que non se debe deixar de aproveitar, coa posta a disposición duns locais en lugar céntrico que poden ter uns usos moi necesarios para as actividades e servizos do propio concello", sinalan desde o goberno municipal.
A antiga sede do Liceo Casino atópase situada moi preto doutras instalacións municipais, entre elas a finca de Briz, un parque público que concentra os servizos sociais, a escola de música ou a unidade de Protección Civil.
O inmoble podería compatibilizar varios usos, ao estar a configurar en dúas plantas. Así, xunto ao arquivo municipal, que actualmente está situado en tres puntos diferentes, habilitaríanse zonas de estudo, salas de reunións e aulas polivalentes para realizar cursos, charlas ou reunións das diferentes asociacións.
Relacionadas:
-
Marín presenta o proxecto do novo Centro de Ocio Xuvenil
Por Redacción |
-
Queren crear un espazo de novas tecnoloxías para adolescentes no local do antigo Liceo Casino
Por Redacción |
-
Último adeus ao Liceo Casino de Marín coa entrega da sede ao Concello
Por Redacción |
-
O centenario Liceo Casino de Marín di adeus coa entrega da súa sede ao Concello
Por Oskar Viéitez |