O Concello retranquea un muro do paseo do río Verdugo
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas está acometendo unha obra na avenida de Vigo, preto do Balneario, para retranquear o muro de contención que separa esta vía do paseo do río Verdugo. A actuación, unha vez rematada, permitirá gañar cinco prazas de aparcamento en liña.
O Goberno local decidiu acometer esta actuación tras ter recibido numerosas peticións da veciñanza e dos comerciantes da zona.
A obra permitirá tamén poñer fin ao quebro da beirarrúa neste punto, situado a carón do edificio co número 19, o último da avenida de Vigo. A beirarrúa quedará así aliñada, facilitando tamén o tránsito peonil nunha das zonas de lecer habituais do centro urbano.
O tramo afectado, duns 50 metros, precisa da construción dun novo muro, e vai supor tamén unha pequena ampliación da superficie con lastros no paseo do Verdugo. O Concello acometerá alí unha pequena praza, dotada con bancos, para gozar do paseo xusto no seu comezo e a carón do futuro Balneario.
Por outra banda, toda a avenida de Vigo, dende este punto e ata a ponte vella, vai ser obxecto dunha reforma ao longo do ano próximo coa reconversión a un só carril con dirección única de saída, creando unha gran bolsa de aparcamento en batería con capacidade para uns 200 vehículos.
O Concello encaixa estas actuacións dentro da humanización do seu centro urbano, un "gran proxecto transformador e renovador" que ten como eixe principal a gran obra da praza de España.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas deseña o seu primeiro parque forestal
Por Redacción |
-
Melloran dous camiños para permitir o paso de vehículos de emerxencias ata casas de Forzáns
Por Redacción |
-
O expediente para a concesión da construción e explotación do balneario xa está a exposición pública
Por Redacción |
-
Augas de Galicia confirma a Ponte Caldelas o arquivo definitivo do expediente para o transvasamento do Verdugo
Por Redacción |