Pistoletazo de saída para acondicionar a Vía Verde do Salnés
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra asinou este venres un convenio de colaboración cos concellos de Caldas de Reis, Portas e Vilagarcía de Arousa, para acometer a primeira fase do proxecto de acondicionamento da Vía Verde do Salnés, cuxo obxectivo é proporcionar un uso alternativo á infraestrutura do ferrocarril fóra de servizo en parte da liña Redondela-Santiago de Compostela.
Será unha senda peonil e ciclista que aproveitará o trazado ferroviario en desuso. Terá unha lonxitude de case 10 quilómetros, partindo de Abelle (Rubiáns), pasando por Caldas e rematando na estación de Portas.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva sinalou que con este convenio preténdese dar resposta á crecente demanda da cidadanía para dispor de servizos turísticos alternativos que lles permitan practicar diferentes experiencias deportivas, culturais e de contacto coa natureza.
A presidenta destacou que "sumar sinerxias é moi importante para sacar adiante iniciativas" e lembrou que con este convenio o goberno provincial "cumpre así o compromiso" adquirido con este proxecto que xustificou coma "un argumento máis para vir visitarnos".
Esta primeira fase para a posta en marcha da Vía verde ten un investimento de 356.186,87 euros, pero o proxecto global é de algo máis de 565.000 euros, cuxa parte restante correspondería á Xunta de Galicia que xa remitiu unha proposta de borrador de convenio para asinar a tres bandas.
A alcaldesa en funcións de Vilagarcía, Tania García, deu a benvida á incorporación da Xunta e amosou a súa satisfacción porque "despois de tanto tempo" este proxecto "vai ser realidade". Neste mesmo sentido pronunciáronse o alcalde de Portas, Víctor Estévez, e o de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey que asegurou que con esta Vía Verde "vai medrar a calidade turística da provincia".
A Vía Verde do Salnés converterase na primeira Vía Verde íntegra en Galicia, xa que na actualidade só existe a Vía Verde do Eo, que é compartida entre Galicia e Asturias.
Relacionadas:
-
As máquinas empezan a traballar no medio dun novo capítulo do "culebrón da Vía Verde do Salnés", que xa dura dous anos
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
A Deputación esixe á Xunta que cumpra co seu compromiso para executar a vía verde do Salnés
Por Oskar Viéitez & Nacho Fuentes |
-
Medio Ambiente colaborará na vía verde ferroviaria que unirá Portas, Caldas e Vilagarcía
Por Redacción |
-
A Deputación comprométese a investir 200.000 euros na Vía Verde do Salnés
Por Redacción |
-
Os alcaldes de Vilagarcía, Caldas e Portas concretan os trámites para executar a Vía Verde do Salnés
Por Redacción |