Marín e Sanxenxo adiantan as uvas de Fin de Ano
Por Oskar Viéitez
Cada vez máis localidades súmanse á celebración das uvas de Fin de Ano por adiantado como fan Sanxenxo e Marín.
En Sanxenxo está organizado pola asociación O Cubreiro e polo Concello na praza Pascual Veiga. Sobre as 11:00 a "Charanga do Jato" sairá da praza de Abastos ata chegar primeiro á carpa instalada na praza dos Barcos.
Ás 12 da mañá, e aproveitando as badaladas que dará o reloxo da Casa Consistorial, os veciños poderán despedir o ano de forma anticipada. Cada asistente deberá achegar o ingrediente que desexe inxerir para atraer a boa sorte durante 2019 (cacahuetes, uvas, uvas pasas, gominolas ou Lacasitos) e estar disposto a devoralo ao son das doce badaladas.
A festa continuará coa queima dos calendarios de 2018, unha especie de "meigas fóra" onde queimar os malos momentos deste ano que agora acaba.
En Marín este adianto xa é unha tradición e por sétimo ano celebraranse no parque Eguren as "badaladas infantís" con actuacións, música, gominolas que farán de uvas, sidra e moita diversión para despedir o ano.
Desde o Concello de Marín destacaron o éxito de participación que se está rexistrando nas actividades de Nadal. Apuntan que o bo tempo reinante durante a primeira semana de vacacións permitiu unha asistencia masiva.
Máis de 5.000 persoas pasaron pola Carpa de Engado durante os sete días que leva aberta consolidando ao parque Eguren como un dos puntos importantes de actividade para as adolescentes grazas a tirolesa, a ponte tibetana, os rocódromos, o campo de paintball con arco e frechas coñecido como "archibal", ademais dunha zona recreativa de billares, futbolines e dianas.
Tamén hai ludoteca, un circuíto de Educación Viaria con coches e segways eléctricos, a casa dos espellos, os tradicionais inchables, tres talleres diarios, un circuíto de aventura infantil, e a ruleta de Nadal que dá a benvida a todos os asistentes.
Pero sen ningunha dúbida a gran atracción é o Tren de Nadal que xa despachou preto de catro mil billetes.