Legumes, verduras, plantas aromáticas... Presumindo de horta urbana en Monte Porreiro
Dar a coñecer as técnicas de agricultura ecolóxica e cultivo de produtos hortícolas aos máis cativos. ÿ o obxectivo que, desde o ano 2010, ten a horta urbana de Monte Porreiro, unha iniciativa promovida polo Concello de Pontevedra, a través da súa Concellaría de Medio Ambiente, que foi visitada este xoves polo alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores e a concelleira Anxos Riveiro.
A horta, situada no Parque do Mirador de Monte Porreiro, conta con 21 parcelas que son plantadas con legumes, verduras e plantas aromáticas por centos de escolares dos centros de ensino do concello, especialmente do barrio: Fina Casalderrei, Marcos da Portela e Monte Porreiro.
Dende a pasada edición, o proxecto foi ampliado coa implicación dos pais e nais no mantemento e atención das parcelas da horta. Mediante unha convocatoria aberta a familiares, o Concello propuxo a concesión de parcelas por un período de un ano para o seu mantemento, ata que se realice unha nova plantación e outros nenos e familiares volvan gozar da horta.
Todos os produtos obtidos do traballo ata entón, poden ser consumidos polas familias que os tutelan.
Para facilitar o traballo dos usuarios habilitouse un arcón metálico con utensilios de horta que poden compartir. Dispoñen de conexión de auga e recipientes con abono. A xestión e coordinación do proxecto corre por conta de Ventos Estudos Ambientais, que se encarga de asesorar aos beneficiarios.