Recomendacións universitarias para facer sendeirismo
Por Redacción
Con preto de catro millóns de usuarios en todo o mundo, a plataforma Wikiloc tense convertido nunha das ferramentas máis empregadas por aquelas persoas que queren realizar rutas de sendeirismo.
Este portal colaborativo se nutre das achegas dos usuarios. Xerar neste portal unha base de datos que reúna as principais rutas de sendeirismo de Galicia co propósito de que se converta nun referente para os usuarios desta zona foi o obxectivo principal que, a raíz dun proxecto de innovación educativa, levou a que a Facultade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte conte cun perfil propio nesta plataforma, que a día de hoxe reúne a información dunha trintena de rutas que recolleu o seu alumnado.
Así, segundo informa o Diario da Universidade de Vigo, o alumnado da materia "Actividades físicas e de aventura no medio natural" realiza unha análise das rutas no que recolle tanto unha descrición e fotografías como unha xeolocalización dos seus principais puntos de interese, xunto con información sobre o grao de dificultade e desnivel do terreo, distancia, percepción de fatiga ou esixencia física para o usuario, realizadas seguindo o sistema Mide, que unifica as apreciacións sobre a dificultade das rutas.
Divididos por parellas, máis de 100 estudantes participaron nunha iniciativa dirixida a que o alumnado adquirise as competencias sobre planificación de actividades físico-deportivas recreativas, identificación dos riscos para a saúde da práctica de actividades físicas inadecuadas e sobre o uso de Wikiloc como ferramenta de rexistro e seguimento de actividades no medio natural.
Xa teñen feitas preto de 30 rutas que actualmente integran este perfil, do que forman parte tanto percorridos por diferentes municipios da provincia, como Pontevedra, Vigo, Bueu, Cangas, ou Nigrán, como outras radicadas en Ourense e A Coruña ou mesmo dúas rutas situadas en Ampuero (Cantabria) e Larraul (Guipúscoa).
A idea é que esta iniciativa se manteña ao longo dos anos co propósito de crear unha marca de calidade nesta plataforma colaborativa, que reúne máis de dez millóns de rutas, de tal xeito que os contidos incluídos no perfil da facultade permitan planificar excursións dunha maneira sistematizada, sabendo que a ruta está ben definida e rexistrada.