O PP critica que Pontevedra peche o ano como penúltima urbe galega en creación de empresas
Por Redacción
O Partido Popular critica a situación económica do Concello de Pontevedra reflectida nos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) que sitúan á cidade do Lérez como penúltima das sete grandes en creación de empresas no ano 2018, só por diante de Ferrol. O ranking encabézao Vigo, con 600 novas sociedades mercantís, seguida pola Coruña (571), Santiago de Compostela (219), Ourense (181) e Lugo (155). En Pontevedra creáronse en todo o pasado ano 123 empresas e en Ferrol, 52.
O candidato do Partido Popular e presidente local, Rafa Domínguez declarou que "volvemos recibir un novo dato de emprego e económico negativo. Un máis. Cando non é a taxa de paro, é a renda media ou a creación de empresas. Non nos cansaremos de repetilo: Pontevedra converteuse nunha cidade hostil ás empresas e iso ten consecuencias na creación de empregos. Os empresarios e os emprendedores prefiren irse a outros lugares porque o que aquí son problemas e falta de axudas, noutras cidades son facilidades”, sinalou.
As estatísticas do IGE tamén reflicten que nos anos anteriores xurdiron na cidade máis sociedades mercantís que no pasado 2018.
"O paro é o principal problema desta cidade e debería ser a prioridade número uno do BNG de Lores. Non podemos permitirnos un alcalde que diga que este problema non vai con el e non o sitúe como un eixo da súa política. Que está a facer o BNG para favorecer a chegada de empresas? Que está a facer o BNG para baixar os datos do paro? Que está a facer o BNG para atraer investimentos e xerar postos de traballo? Nada", sinalou Domínguez. "En Pontevedra hai moito por facer. Non podemos caer no conformismo ou a compracencia. Os datos non paran de darnos a razón".
Entre as medidas que o candidato do Partido Popular presentou ata agora están a elaboración dun plan estratéxico de emprego que analice a situación actual e determine as debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades de Pontevedra, a reactivación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), a creación de máis chan industrial ou unha baixada xeneralizada de impostos.