Condenan á Xunta a pagar 13.000 euros a unha muller que caeu en Rosalía de Castro
Por Alejandro Espiño
13.000 euros. É o diñeiro que cobrará unha señora que, en xuño de 2015, caeu na rúa Rosalía de Castro por culpa duns chanzos que invadían a beiravía. A esa indemnización sumarase o IPC desde que se presentou a reclamación e os intereses correspondentes.
Así o determinou o xulgado do contencioso administrativo número 1 de Pontevedra nunha sentenza que condena á Xunta de Galicia como titular da vía e, ao mesmo tempo, exonera o Concello de Pontevedra, a quen tamén demandara a vítima.
A muller, segundo considera probado o fallo xudicial, cando camiñaba en dirección a Pontevedra tropezou cunha escaleira que dá acceso a unha edificación abandonada, situada en torno ao número 100 da rúa Rosalía de Castro.
Tras o suceso, a vítima reclamou ante a Xunta de Galicia como titular da PO-546 e contra o Concello, responsable da iluminación da zona. Pedíalles 31.559 euros polas feridas e as secuelas que lle causou o accidente, por non retirar o obstáculo ou sinalizalo e pola deficiente iluminación pública.
O xulgado, con todo, conclúe que a administración municipal "carece de responsabilidade" neste accidente. Entende que se produciu polo obstáculo co que tropezou e polas características da vía, á que ve "perigosa" para o tránsito dos peóns, "con independencia" das características da iluminación.
En todo caso, a sala minora a indemnización nun 50% ao asegurar que a caída tamén se produciu, en parte, por culpa da vítima.