Moran Gold queda entre os dez mellores artistas tributo a Elvis Presley de Europa
Por Marisa Ciordia
"Máis que safisfeito", esta é a imprensión que se trouxo Alexandre Moran, Moran Gold, da súa participación no European Elvis Championships celebrado entre o 4 e o 6 de xaneiro en Birmingham. O mozo pontevedrés, artista tributo de Elvis Presley, consursaba por primeira vez neste certame anual e conseguiu clasificarse entre os dez primeiros.
Unha consecución nada desdeñable tendo en conta tres aspectos: que é un concurso de "longo percorrido" como el conta á súa volta; isto é, que os participantes adoitan presentarse en múltiples ocasións e tras varios intentos perfecciando as súas actuacións, logran coarse entre os mellores. Un exemplo é o propio gañador desta última edición, un británico que leva quince anos concursando e que exerce desde fai 21 como artista tributo de Elvis. O ano pasado había quedado segundo.
Mérito para o pontevedrés igualmente é que estaba entre os tres concursantes máis novos, - ten 26 anos -, cando a media de idade é de corenta; e ademais que nesta edición de 2019 "o nivel dos participantes subira con fartura, resultando un dos concursos máis duros e rifados", segundo comentáronlles membros do xurado.
Un xurado que ten en conta a interpretación, a caracterización e un 'overall' -todo en conxunto-, dos 50 concursantes aos que está limitado. Morán sinala que había concursantes que no apartado de caracterización apostaban moi forte, con traxes e perrucas espectaculares. "Impresionoume un pouco, porque é un campionato en toda regra. A xente que concursa vai ao máximo".
Tras esta experiencia, na que Moran Gold foi o único español que concursaba, xa ten decidido que vai repetir en próximas edicións "imos ir a por todo", engade. Mentres tanto, esta semana volve aos ensaios en Palma de Mallorca co seu espectáculo de tributo a Elvis e cun desexo para este 2019: poder actuar aquí en Galicia e na súa cidade, Pontevedra.