Pontevedra non ve "ningunha posibilidade" de autorizar os patinetes polas beirarrúas
Por Alejandro Espiño
Os vehículos de mobilidade persoal, entre eles os populares patinetes eléctricos, seguirán no seu actual limbo legal. Polo menos, a curto prazo e no que se refire á normativa municipal. A nova ordenanza de mobilidade que prepara o Concello non incluirá medidas para regulalos.
O goberno municipal entende que non hai "ningunha posibilidade" de autorizar que os patinetes poidan circular polas beirarrúas.
A este respecto, o edil César Mosquera, que está a supervisar a redacción desta normativa, reitera que é Tráfico quen ten competencias "exclusivas" para permitir a circulación destes vehículos.
A actual lei de tráfico exclúe das beirarrúas a todo o que non sexa peóns, persoas que circulan a pé cun ciclo ou un ciclomotor, aqueles que empuxan un coche de neno ou dunha persoa con discapacidade ou os cidadáns con mobilidade reducida que van en cadeira de rodas.
Unha ordenanza municipal "non pode modificar" a normativa de Tráfico en vigor, como ratificou unha recente sentenza do Tribunal Supremo, aclarou Mosquera.
Con todo, o Concello si prevé estudar que se permita o seu paso por zonas de plataforma única ou de preferencia peonil "se van ao paso dos peóns", é dicir, a menos de 10 quilómetros por hora, que será a velocidade que se fixe para todo tipo de vehículos, bicicletas e coches entre eles, que queiran circular por estas áreas.
Ata entón, sinalou o edil do BNG, non se perseguirá aos usuarios dos patinetes e non haberá sancións para eles salvo que os conduzan de maneira temeraria ou a unha velocidade inadecuada, poñendo en perigo ao resto de usuarios dos espazos públicos.
Relacionadas:
-
Sofre un accidente cun patinete eléctrico e acaba multado por ir con el pola beirarrúa e borracho
Por Natalia Puga |
-
O PSOE aposta por unha ordenanza de Mobilidade Sostible e Inclusiva para regular a circulación de bicis e patinetes
Por Redacción |
-
Multan con 1.000 euros un pontevedrés que ía borracho sobre un patinete eléctrico
Por Redacción |
-
O PSOE pide retomar de forma urxente o debate sobre a ordenanza de mobilidade
Por Redacción |
-
Pedaladas recomenda non usar patinete eléctrico nas rúas de Pontevedra ata que se actualice a ordenanza de mobilidade
Por Redacción |
-
Ferida a condutora dun patinete eléctrico ao chocar contra un turismo
Por Oskar Viéitez |