A Policía Local de Poio investiga dous presuntos casos de maltrato animal no municipio
Por Diego Espiño
Os últimos casos de maltrato animal detectados en Poio puxeron en alerta á Policía Local, que investiga o sucedido.
Ademais do caso das dúas gatas envelenadas en Campelo que denunciou a Asociación Cadeliños, polo que recibiron unha denuncia na xefatura o pasado venres, os axentes tamén investigan outro caso acontecido nas últimas horas.
Trátase da aparición dunha cría de can nunha bolsa dentro dun contedor na zona de Casalvito.
Tras ser avisados pola presenza de ruídos no contedor, a Policía sacou unha bolsa de plástico atada con excrementos no seu interior na que se atopaba o cadeliño, xa frío. Con todo a rápida atención veterinaria e a axuda da canceira conseguiu salvarse a vida do animal.
A investigación por estes casos céntrase en dous posibles delitos de maltrato animal, que no caso das gatas, ao falecer e segundo o código penal, pode supoñer para o ou as responsables penas de seis a dezaoito meses de prisión e inhabilitación especial de dous a catro anos para o exercicio de profesión, oficio ou comercio que teña relación cos animais e para a tenencia de animais.