Ferido un mozo de 20 anos en Cuntis tras ser atropelado polo tractor que conducía un familiar
Por Diego Espiño
Un mozo resultou ferido este domingo en Cuntis tras ser atropelado polo tractor familiar mentres realizaban traballos nunha leira, concretamente en Cequeril.
O suceso tivo lugar pouco antes das 17:00 horas da tarde cando pai e fillo realizaban labores agrícolas no terreo. Nese momento, debido presummiblemente á humidade da zona e á pendente, o tractor tería empezado a deslizar.
Foi aí cando o mozo resultou atropelado, ao pasar por detrás da máquina cando o seu familiar tentaba frear a caída. Inmediatamente o home que manexaba o vehículo tería saltado para auxiliar ao seu fillo deixando que o tractor caese polo noiro que separaba a leira da estrada.
A causa do accidente, e segundo explicou Protección Civil de Cuntis, o mozo sufriu importantes lesións nas súas pernas ao terlle golpeado e pasado o tractor por riba, entre elas a fractura do seu fémur dereito.
Ata a zona, ademais de efectivos de Protección Civil desprazáronse axentes da Garda Civil e persoal do 061, evacuando ao ferido nunha ambulancia medicalizada ata o Hospital Montecelo de Pontevedra. Tamén estivo presente o alcalde da localidade.