Benito Corbal, pechada por obras
Por Mónica Patxot & Redacción
Unha parte da rúa Benito Corbal que aínda non é peonil está desde o mediodía deste luns pechada por obras. Poucos minutos despois das 13.00 horas, a Policía Local de Pontevedra puxo en marcha o plan de tráfico deseñado para regular a circulación por esta céntrica zona da cidade durante o tempo que duren os traballos para poñer en marcha a reforma urbana da rúa no tramo comprendido entre as rúas Cobián Areal e Sagasta.
O plan de tráfico inclúe desvíos e cortes de tráfico que, nas primeiras horas de funcionamento, provocaron pequenas retencións e deixaron escenas de condutores que se equivocaban de sentido de circulación ante as novas directrices de tráfico postas en marcha, pero, en todo caso, sen deixar ningunha incidencia reseñable na circulación.
As obras durarán uns catro meses e revolucionarán o tráfico en toda esta zona na que habitualmente hai bastante densidade de circulación rodada e peonil, pois desde este luns queda prohibido circular pola zona en obras salvo excepcións para residentes, vehículos de emerxencia ou servizos de carga e descarga.
A reforma realizarase en dúas fases. A primeira, que empezou este luns, será entre Sagasta e Blanco Porto, que obrigará a cambiar o sentido de circulación en tres rúas: Sagasta, Javier Puig e José Millán. En Sagasta poderase circular de Cruz Gallástegui a Benito Corbal, para facilitar o paso ata Barcelos; mentres que Javier Puig quedará de subida desde San Antoniño para dar acceso a Blanco Porto e José Millán recuperará o seu sentido de baixada cara a San Antoniño para dar saída ao tráfico que chega por Cobián Areal.
A continuación executarase a reforma entre Blanco Porto e Cobián Areal. Nese momento recuperarase o sentido das rúas que se cambiaron e reabrirase o tráfico o Lepanto, á que só poderán acceder os residentes durante a primeira fase.
Relacionadas:
-
Comeza a reforma do segundo treito de Benito Corbal con cambios de tráfico
Por Redacción |
-
Abre o primeiro tramo de Benito Corbal para o desfile do entroido do sábado
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Adxudican por 183.401 euros as obras para a reforma integral da rúa Lepanto
Por Natalia Puga |
-
As obras de Benito Corbal revolucionarán o tráfico no centro durante catro meses
Por Alejandro Espiño |
-
As obras de Benito Corbal atrásanse para evitar o Nadal e o inicio das rebaixas
Por Alejandro Espiño |