Protección Civil de Cuntis participou en 435 operativos o ano pasado
Por Oskar Viéitez
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Cuntis ven de presentar a súa Memoria anual de actividades do pasado ano 2018 no que o 112 notificou dun total de 435 operativos.
A metade das actuacións da AVPC Cuntis responden a colaboracións co Concello ou con entidades que solicitan a súa presenza en eventos para a coordinación de aspectos de seguridade ou loxística.
A pesares do gran volumen de traballo que existe no propio Concello, onde, por razóns obvias, priorizan as actuacións, procuran colaborar con todas aquelas outras agrupacións que o solicitan.
No tocante ás emerxencias o ámbito de actuación da AVPC Cuntis está cuberto, en termos normativos, polo Grupo de Emerxencias Supramunicipais de A Estrada, situado a unha distancia de 11 quilómetros e unha isócrona de 20 minutos e a subsede de Vilagarcía de Arousa do Parque de bombeiros Comarcais do Salnés, a 23 quilómetros e unha isócrona de 25 minutos. Debido a estes tempos, elevados para emerxencias tempo-dependentes como pode ser un incendio ou un accidente con atrapados, a AVPC é a primeira resposta a emerxencias do Concello.
Respecto aos accidentes de tráfico, tanto con feridos como únicamente con datos materiais, a Memoria sinala que un número significativo deles teñen lugar na estrada nacional N-640, especialmente no tramo coñecido como "curvas de Castroloureiro". Esta zona é un tramo especialmente perigoso debido ao radio das curvas existentes, con moito arborado que propicia que o firme esté mollado durante moita parte do día, e polo tanto deslizante; se ben é certo que se realizaron algunhas actuación por parte do Ministerio de Fomento, ao igual que no casco urbano.
A seguinte tipoloxía que alberga máis intervencións é a recollida de animais, tanto vivos coma mortos. A meirande parte destas actuacións danse por chamadas de veciños que atoparon un can en algún sitio, gran parte deles abandonados, e que ante a posibilidade de que sexa perigoso, requiren a nosa presenza para que se fagan cargo.
Tamén existe un número importante de avisos relacionado coa vespa velutina e con gando que o propietario non ten controlado, as limpezas de vía por árbores ou verquidos e as asistencias sanitarias, en colaboración co 061.