BNG e PP amosan a súa profunda decepción cos orzamentos de Pedro Sánchez para Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Anxo Lourido
"Son orzamentos de paralización e retrasos", así cualificaba a coordinadora do grupo municipal do BNG e tenente de alcaldía Carme da Silva os presupostos presentados polo Goberno de Pedro Sánchez en relación aos investimentos previstos para Pontevedra.
Sinala, neste sentido, que practicamente desapareceron as partidas destinadas para o segundo e terceiro tramo da A-57 e que non se contempla a redacción do proxecto. Despois desta decisión, entende que a proposta realizada polo Ministerio de Fomento de escoller entre dúas alternativas para o tramo entre A Ermida e Pilarteiros só busca xustificar este atraso. "Despois de 20 anos, Fomento non sabe por onde ten que levar a circunvalación", indicou irónica a concelleira nacionalista. Neste tema tamén culpou o Partido Popular porque na súa etapa no goberno central non abordou este proxecto e deixou caducar o estudo de impacto ambiental.
Da Silva tamén lamentou a desaparición da partida destinada ao Nó de Bombeiros e lembrou que mentres noutros puntos do Estado están a rescatarse autoestradas e se suprimen peaxes, aquí se mantén a AP-9 e nin sequera se asumen obras demandadas como este entronque coa autoestrada. Amosou ademais o seu malestar coa reducción de aportacións aos Concellos cando as administracións municipais terán que aumentar os gastos na Seguridade Social do seu persoal. A responsable municipal rexeita tamén o descenso de partidas económicas para a seguridade viaria en Galicia. Considera que este tipo de medidas rematan afectando ao peto dos cidadáns galegos a través da suba dos seguros porque a falla de investimentos aumento o número de sinistros nas estradas.
PARTIDO POPULAR
Con respecto a estes orzamentos, o popular Rafa Domínguez asegurou estar "profundamente decepcionado" ante a redución do diñeiro que o Estado prevé destinar a Pontevedra en 2019. Pedro Sánchez, segundo o portavoz do PP, "ha traicionado" aos pontevedreses "para contentar a los catalanes".
Domínguez denunciou concretamente que a remodelación do nó de Bombeiros, unha demanda "histórica" de Pontevedra non se contemple nunhas contas que deixan "la menor inversión en 17 años" para a cidade. Ante este feito, dixo, "Lores igual que yo ya debe echar de menos a Mariano Rajoy".
MAREA PONTEVEDRA
Luís Rei, pola súa banda, lamenta a "pouca sensibilidade" social e ambiental dunhas contas que "seguen maltratando" a Pontevedra.
O líder de Marea critica a aposta pola A-57 ao entender que se trata dunha "nova navallada" a Galicia e que non se libere a autoestrada AP-9 da súa peaxe. Ademais, lamenta que non se converta a Subdelegación de Defensa nunha escola infantil ou que non se recupere para uso público o antigo edificio de Facenda en San Francisco.
CIDADÁNS
A concelleira de Cidadáns, María Rey, denunciou por último que os orzamentos sexan o "pago de la traición" de Pedro Sánchez a España.
Tras criticar que o groso do investimento en Pontevedra sexa para a A-57, Rey lamentou a ausencia de novos proxectos para a cidade, a "inconcreción" de partidas ou a desaparición do compromiso para a reforma do nó de Bombeiros, coa "amenaza" de que se poida desenvolver cun novo convenio con Audasa, o que faría aumentar as peaxes da AP-9.