Xulgan a porta pechada un home acusado de abusar dun menor con discapacidade durante anos
Por Natalia Puga
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra deixou visto para sentenza o xuízo contra un home acusado de abusar dun menor con discapacidade psíquica e física ao que convencía con diñeiro ou lambetadas para que fose con el a zonas escondidas ou á súa casa, onde presuntamente cometía o delito.
O xuízo celebrouse este martes a porta pechada na Audiencia Provincial a petición de todas as partes implicadas para preservar a identidade da vítima dos abusos. Ademais, o mozo declarou detrás dun biombo para evitar o contacto visual co seu suposto agresor e acompañado por un psicólogo en todo momento.
A vista oral prolongouse durante máis de tres horas e trascenderon poucos datos. Tan só que o acusado negou os feitos que se lle atribúen, segundo fontes xudiciais consultadas por PontevedraViva. Rexeitou responder as preguntas da fiscal que levou o xuízo, Enma Doval, e da acusación particular e tan só respondeu ás formuladas polo seu defensa.
Ao termo da vista oral, a fiscal mantivo a súa petición de que o home sexa condenado a nove anos de cárcere como autor dun delito continuado de abuso sexual non consentido con abuso de trastorno mental e penetración e de que se lle impoña a prohibición de aproximación a menos de 100 metros da súa vítima, tanto do seu domicilio como de calquera lugar onde se atopa durante dez anos.
A fiscal tamén pide a medida de liberdade vixiada durante cinco anos e que o acusado, que ten unha orde de afastamento da súa vítima, indemnice á súa vítima con 20.000 euros polos danos morais ocasionados.
Unha vez practicada a proba, tan só realizou unha pequena modificación no reto dos feitos relativo ao marco temporal no que se produciron. Mantén que o acusado e a súa presunta vítima residían na mesma localidade do Morrazo cando ocorreron e que a vítima é unha persoa que presenta un atraso mental moderado e un grao de discapacidade do 70%.
Segundo a fiscal, actuou "con ánimo de satisfacer os seus impulsos sexuais" e convenceu á súa vítima con diñeiro ou con lambetadas para que o acompañase á súa casa ou a zonas escondidas da súa localidade de residencia, onde se produciron os abusos e agresións sexuais en varias ocasións.
Relacionadas:
-
Confirman cárcere para un septuaxenario que abusou sexualmente dun mozo con discapacidade psíquica
Por Redacción |
-
A xuízo por abusar dun menor con discapacidade á que enganaba con diñeiro ou lambetadas
Por Redacción |
-
A falta dun informe pericial obriga a suspender un xuízo por agresión sexual a un mozo con discapacidade
Por Natalia Puga |