Gafas especiais para concienciar os condutores noveis dos efectos do alcol
Por Redacción
Sete autoescolas de Pontevedra traballarán a partir de agora con gafas simuladoras de borracheiras, para que os aprendices de condutores sexan conscientes dos efectos que provoca o alcol na condución.
Trátase dunha iniciativa enmarcada no plan de prevención de condutas adictivas do Concello, dentro do programa Cambio de sentido, que traballa na prevención de accidentes de tráfico no que interveñen o alcohol ou outras substancias adictivas.
Os mestres das autoescolas Chaves, Tambo, Teucro, Peregrina, Cancela, Camba e Ecovial poderán dispor así desta ferramenta nos seus cursos teóricos de condución, de xeito que os alumnos sexan conscientes da diminución na percepción que se produce cando consumimos substancias adictivas.
Segundo os datos do Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses, o 42,1% dos condutores falecidos en España en 2017 e sometidos a autopsia presentaron resultados positivos en sangue a alcohol, drogas de abuso ou psicofármacos.
O 66,4% dos casos analizados deron positivo para o alcohol (75,8% con contido de alcohol en sangue superior a 1,2 g/l), o 37,6% para medicamentos e o 26,6% para drogas psicotrópicas, sendo moitos deles policonsumidores, asociando o alcohol e a cocaína o 7,6% e o alcohol e o cannabis o 6,9%.