O movemento feminista de Pontevedra concéntrase contra Vox: "Nin un paso atrás en igualdade e diversidade"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O movemento feminista de Pontevedra logrou este martes congregar máis de 200 persoas na concentración convocada na praza da Peregrina ao mesmo tempo que en prazas e rúas de toda España para amosar o seu rexeitamento ao pacto acadado polo PP con Vox para facilitar a investidura de Juanma Moreno como presidente da Junta de Andalucía.
A concentración levou por lema, como todas as convocadas no resto de España, "Os nosos dereitos non se negocian. Nin un paso atrás en igualdade e diversidade" e incluíu a lectura dun manifesto no que o movemento feminista quixo dicirlle aos partidos de dereita "que non imos a consentir que se negocie cos dereitos da mulleres" e aos de ultradereita "que non imos a permitir que toquen nin un só dos avances que tanto nos custou acadar".
"Fóra fascistas, a rúa é feminista", corearon as persoas concentradas, que quixeron manifestar o seu rexeitamento, en xeral, ao "sistema patriarcal, capitalista e racista que día a día nos agride, nos viola e nos asasina" e, en concreto, a este pacto con Vox.
De feito, a concentración realizouse na tarde deste martes en apoio ás mobilizacións convocadas polas feministas andaluzas con motivo do debate de investidura de Juanma Moreno en Sevilla, "que materializará o vergonzoso pacto de goberno en Andalucía no que se está negociando cos nosos dereitos, usándoos como moeda de cambio e negando a incuestionable realidade da violencia machista e racista".
"As mulleres non imos permitir que se dea nin un paso atrás. Ningún pacto de goberno pode supoñer eliminar os dereitos que xuntas e con tanto esforzo conquistamos", advirte o manifesto lido por dúas representantes do movemento feminista pontevedrés, que avisan que, seguindo as bases sentadas na histórica mobilización feminista do 8M de 2018, a loita seguirá sendo por un feminismo inclusivo, interseccional, antirracista, antifascista e anticapitalista.
As persoas concentradas insistiron en que en Galicia e en todo o territorio estatal "vannos a ter en fronte, organizadas", pois consideran que a situación política en Andalucía fai presaxiar que "a ameaza de involución pódese facer realidade en todo o país". Respecto disto, recordaron que no ano 2011 o goberno da Xunta de Galicia que preside Alberto Núñez Feijóo impulsou a Lei de Familia, unha norma da que o Consello Económico e Social no seu ditame "alertaba do seu carácter regresivo e patriarcal, que recorta os dereitos da muller, impedíndolle exercer o seu dereito a decidir libre e informadamente sobre a súa maternidade".
Relacionadas:
-
Carmela Silva considera "terrible" que candidatas do PP estean dispostas a pactar con Vox
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Luis Bará, deputado do BNG: "O PP e Vox son a mesma cousa"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Pepe Solla, insultado en Internet por posicionarse contra a violencia machista e VOX
Por Alejandro Espiño |
-
Insultan nas redes sociais a Rafa Domínguez pola súa defensa das leis contra a violencia de xénero
Por Oskar Viéitez |
-
Rafa Domínguez: "Nadie en sus cabales" pactaría con VOX a costa da violencia machista
Por Alejandro Espiño |
-
Unha San Silvestre "polas que non poden correr con nós"
Por Redacción |