Rexeitan todas as alegacións presentadas ao orzamento municipal de 2019
Por Alejandro Espiño
Ningunha das alegacións ao orzamento municipal de 2019 foi aceptada. Así o explicou o edil de Facenda, Raimundo González, ao remate da comisión na que se analizaron as reclamacións presentadas.
As alegacións, remitidas pola ONG Libera, un colectivo de defensa do patrimonio e o sindicato Comisións Obreiras, foron rexeitadas co voto a favor de BNG e PP e a abstención de PSdeG-PSOE, Marea e Cidadáns.
En concreto, as peticións de Libera, que reclamaba máis investimento en protección animal, e do colectivo que solicitaba máis fondos para o coidado dos petróglifos do municipio, non se admitiron ao non axustarse aos motivos que prevé a lei para cambiar contas xa aprobadas.
O mesmo sucede con oito das alegacións presentadas por CC.OO, que entre outras cuestións, solicitaba que o diñeiro das horas extra destinárase a un aumento de persoal, consideraba que a partida para xubilacións anticipadas era insuficiente ou pedía aumentar o crédito para prevención de riscos laborais.
A outra alegación do sindicato, que denunciaba que non existira negociación coa parte social na tramitación do orzamento, foi desestimada ao existir un informe de Persoal que acredita, mediante actas públicas, a existencia dos devanditos contactos.
Así, o pleno do próximo luns 21 de xaneiro, elevará a definitivo o orzamento municipal de 2019. Será, do mesmo xeito que na comisión, co único voto a favor do BNG e a abstención de PSdeG-PSOE e Marea. Tanto o PP como Cidadáns rexeitarán as contas para este ano.
Ademais, a corporación municipal aprobará por unanimidade a nova ordenanza fiscal que se aplicará ás empresas de telefonía que operan na cidade. Con ela, o Concello espera recadar uns 176.000 euros anuais. Antes da súa entrada en vigor haberá un período de trinta días para presentar alegacións.
Relacionadas:
-
O superávit municipal de 2018 superou os 6 millóns de euros
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello reserva 370.000 euros para asumir o aumento salarial dos seus traballadores
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG aproba sen sobresaltos, coa abstención de PSOE e Marea, o orzamento de 2019
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG ignora as emendas de Cidadáns e non acepta que se debatan xunto ao orzamento para 2019
Por Redacción |