A Deputación desconvocou a Mesa do Camiño para estudar a participación do conselleiro

Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra desconvocou a xuntanza prevista para este mércores da Mesa do Camiño de Santiago logo de negar a súa asistencia ao conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, por non estar contemplado no regulamento que rixe o funcionamento desta entidade.
A Xunta de Galicia tiña previsto participar no día de hoxe na xuntanza da Mesa do Camiño tal e como vén facendo habitualmente nos últimos anos a Directora Xeral de Turismo, Nava Castro. Sen embargo, a esta convocatoria decidiu asistir o titular da Consellería.
Segundo explicou a presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o regulamento que rixe o funcionamento desta Mesa do Camiño sinala como está composta e que persoas forman parte dela, entre outros aspectos "e pon, con toda a claridade, que é a Directora Xeral de Turismo e polo tanto non pode vir calquera á Mesa".
Carmela Silva asegurou que "eu non teño ningún problema en que veña este señor ou outro" pero cando "se puxeron en contacto de forma deplorable e maleducada" para anunciar que viría "a presidir" Román Rodríguez "lles pasamos o regulamento" indicando á Xunta que a participación "é nominal" pero "se queren que se modifique que fagan unha proposta de modificación do regulamento", que será estudada e que terá que ir ao Pleno provincial para a súa aprobación.
A presidenta lamentou que "en lugar de traballar conxuntamente" a Xunta "se adique a intentar crear confrontación" e asegurou que estará "encantada" de que o conselleiro quera participar na Mesa "aquí vai aprender moito", dixo.
Ademáis destacou que a Deputación de Pontevedra é "a única administración de toda Galicia" que ten dúas mesas de turismo que se reúnen con periodicidade con participación activa de todos os axentes implicados.
Pola súa banda o Goberno galego apelou ao "espírito de diálogo e cooperación" co que, segundo dixo, se está a planificar o Xacobeo 21 do que participan a inmensa maioría das institucións e sinalou, nun comunicado que a alusión ao regulamento por parte da Deputación de Pontevedra "ten como fin de obstaculizar a normal incorporación á mesa do conselleiro", derivada da reforma da estrutura do Goberno autonómico o pasado mes de setembro.
A Xunta transmitiu a súa "sorpresa e incredulidade" por esta decisión a través dunha carta remitida á presidenta provincial na que argumenta a "oportunidade e relevancia" desta participación e "o erro da súa decisión" polo que solicita a "reconsideración e corrección desta postura".
Relacionadas:
-
Alfonso Rueda pide a Carmela Silva que cambie de data a reunión da Mesa do Camiño para poder asistir
Por Oskar Viéitez |
-
A Mesa do Camiño modifica o seu regulamento para que poida participar o conselleiro de Cultura
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación promocionará o "Camiño experiencial" no Fairway de Santiago
Por Oskar Viéitez |
-
Os peregrinos do Camiño Portugués seguen á alza: aumentaron un 15% no primeiro semestre
Por Natalia Puga |