Maica Larriba nega que o Goberno esquecera o Nó dos Bombeiros e critica a "deixadez" dos executivos anteriores do PP
Por Natalia Puga
A subdelegada do Goberno en Ponteveda, Maica Larriba, amosa o seu "estupor" pola actitude do Partido Popular e o seu "grao de descaro político" en relación co proxecto de remodelación do Nó de Bombeiros de Pontevedra, no que aseguran que fixeron gala de "deixadez absoluta" durante o tempo en que tiveron responsabilidades no Goberno estatal, e especial desde o ano 2015.
Larriba respondeu ás críticas xerais do PP en relación cos orzamentos xerais do Estado para 2019 e, a preguntas da prensa, defendeu a postura do goberno de Pedro Sánchez ao non recoller unha partida para impulsar este proxecto este ano, senón tan só 100.000 euros. Segundo explicou, isto débese a que antes de empezar a executar a infraestrutura é necesario asinar dous convenios que o goberno anterior deixou nun caixón.
A pesar desa falta de fondos específicos, Larriba asegurou que o Goberno estatal vai impulsar eses dous convenios necesarios, un coa empresa Audasa -concesionaria da AP-9- e outro co Concello de Pontevedra, de maneira "moi urxente" para que o Nó "poida ser unha realidade". Ademais, deixou caer que esa partida de tan só 100.000 euros "con bastante probabilidade poida sufrir unha modificación". "Ata aí podo ler", engadiu.
O Goberno anterior de Mariano Rajoy recollera un millón de euros para este proxecto en 2018 e deixara reservados outros seis para executar a obra neste 2019. En relación con esta dotación, Maica Larriba criticou que "esqueceuse" de que ademais de poñer unha partida de diñeiro nos orzamentos do ano pasado, "tiña que ter realizado dous convenios". O do Concello é relativo a que pase a titularidade estatal unha parcela de terreo de preto de 100 metros no actual parque de bombeiros que ahora é municipal.
"Sen estes dous trámites administrativos, de nada vale poñer millóns nos orzamentos se logo son irrealizables", criticou Larriba, que cuestionou a actitude de tres pontevedreses do PP neste asunto, o ex presidente do Goberno, Mariano Rajoy; a ex ministra de Fomento e actual presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor; e a senadora Pilar Rojo.
Larriba tamén respondeu ás críticas emitidas en xeral ao proxecto dos orzamentos e asegurou que contempla un millón de euros máis de investimientos na provincia que o ano anterior. Así, asigna a Pontevedra 162 millóns de euros reais fronte aos 161 de 2018.
Ademais do capítulo de investimentos, a subdelegada subliñou o carácter social das contas, pois a revalorización das pensións que recolle afectará a 241.287 pontevedreses. "Máis diñeiro a fin de mes para que os nosos maiores empecen a recuperar a súa capacidade adquisitiva tras anos de recortes", destacou.
Ademais, destacou que a supresión progresiva do copago farmacéutico aos pensionistas beneficiará a 100.000 pontevedreses e a cotización á Seguridade Social dos coidadores da Lei de Dependencia terá 8.597 beneficiarios en toda Galicia. O incremento de 5 a 8 semanas do permiso de paternidade terá 9.153 beneficiarios.