Vinte años 'non é nada' para unhas Noites Abertas que regresan con ánimos renovados
Por Alejandro Espiño
O que funciona é mellor tocalo o menos posible. Esa máxima vaina respectar Noites Abertas, o programa de lecer para mozos de 12 a 30 anos que organiza o Concello de Pontevedra que, este 2019, cumpre o seu primeiros vinte anos de vida.
Desde o seu inicio, no que se programaron trece actividades, Noites Abertas foi crecendo ano tras ano, consolidándose como un referente entre a mocidade de Pontevedra.
A súa vixésima edición, que se desenvolverá entre o 25 de xaneiro e o 6 de abril, promete manter o seu espírito "rebelde", segundo explicou o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, que destacou a "constante renovación" das actividades do ciclo.
As iniciativas "veñen da propia mocidade", lembrou o edil do BNG, que "son os que están na rúa" e, por tanto, "saben das actividades que lles gustan á xente". Nesta ocasión, haberá 96 propostas diferentes, dirixidas por 161 monitores e organizadas en 14 espazos da cidade. Serán 18 xornadas e só haberá unha pequena paréntese durante o Entroido.
O director de Noites Abertas, Nacho Márquez, sinalou que o programa proposto este ano é "totalmente diverso", apostando por actividades "para todos" e que terán un enfoque multicultural "para que os mozos e mozas se aproximen a outras realidades" e un respecto "absoluto" pola igualdade con propostas "que non sexan sexistas".
Así, un ano máis haberá actividades deportivas de esgrima, tenis de mesa, fútbol gaélico, bádminton, baloncesto adaptado, billarda, fútbol sala, surfskate ou quidditch; e propostas gastronómicas para aprender a facer orellas de entroido, comida brasileira ou portuguesa, sobremesas veganas, galletas decoradas, batidos enerxéticos ou cócteles sen alcol.
Pola súa banda, no ámbito de manualidades haberá cursos para crear haikus ilustrados, estampado de camisetas e bolsas, bordado mexicano pinturas en tea, cestería ou artesanía en papel; ou en música ofrecerase iniciación á batería, violín, música electrónica, creación de APPs, canto tradicional, cantos de taberna ou percusión folk.
Actividades de meditación, ioga ou autodefensa sumaranse a un programa no que haberá propostas máis innovadoras como teatro feminista, programación de videoxogos, un curso para habilidades caninas ou cinema en Super8. Os zombis, que o pasado ano revolucionaron a cidade, serán substituídos por un xogo de rol en vivo baseado na serie Xogo de tronos.
Todas as actividades de Noites Abertas, xunto cos seus horarios e requisitos para participar, pódense consultar na páxina web de Noites Abertas.
Para a imaxe de Noites Abertas, o Concello contou cunha nova deseñadora de Poio, María Montes, que visualizou esta iniciativa como unha "porta aberta á noite en todos os sentidos", explicou Alberto Oubiña, que puxo o foco no espírito integrador deste programa municipal.