A gripe mantén hospitalizadas seis persoas no CHOP
Por Redacción
A demanda asistencial rexistrada durante a xornada deste xoves foi menor en relación ao resto da semana, segundo informan dende a Xerencia da área sanitaria de Pontevedra. Na actualidade, son 6 os pacientes con gripe hospitalizados no Complexo Hospitalizado Universitario de Pontevedra e ningún en UCI, informaron estas fontes oficiais.
Por outra banda, a Xerencia apunta que o servizo de Urxencias se está reforzando "en función das necesidades asistenciais con profesionais sanitarios".
A área sanitaria de Pontevedra conta cun Plan de Continxencia elaborado específicamente por profesionais dos servizos de Urxencias, Microbioloxía, Medicina Preventiva, Medicina Interna, Pediatría, Pneumoloxía e Admisión.
Sanidade decidiu prorrogar ata o vindeiro día 25 de xaneiro a campaña de vacinación da gripe, que se está desenvolvendo en Galicia baixo o lema "Contaxia a túa enerxía e non a gripe" dende o pasado 22 de outubro.
Dende o inicio da campaña o día 22 de outubro e ata o día 15 de xaneiro administráronse un total de 558.468 vacinas, o que supón 28.247 doses mais que o ano pasado. No caso concreto das persoas de 65 ou máis anos, están xa vacinadas 390.681 persoas. Isto supón que hai 8.763 persoas máis vacinadas neste grupo de idade que en toda a campaña do ano pasado.