Cinco acusados de confabular para finxir danos de accidentes de tráfico rexeitan declarar ante o xuíz
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Os irmáns Christian, Álex e Norma C.A.; a súa nai, María Angélica A.S.; e Franklin Javier P.I., amigo da familia, sentaron este venres no banco dos acusados do Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra como presuntos responsables dun delito continuado de estafa por confabular para finxir polo menos tres accidentes de tráfico para cobrar diñeiro de varias compañías de seguros en concepto de indemnizacións por danos sufridos.
Os cinco acolléronse ao seu dereito a non declarar ante o xuíz, pero, a petición do avogado dunha das compañías aseguradoras presuntamente estafadas, léronse na sala de vistas os testemuños de tres deles durante a fase de instrución xudicial do caso. Nelas recoñecían que nun dos accidentes en dúbida terían finxido que estaban no coche máis persoas que o propio condutor para poder acudir ao médico, relatar lesións e cobrar indemnizacións. Finalmente, non chegaron a cobrar nada.
Ese sinistro en cuestión produciuse en xuño de 2013 na rúau Alcalde Hevia e foi o que fixo sospeitar á Policía Local de Pontevedra sobre a actitude desta familia, con alto índice de sinistralidade. Segundo relatou un axente municipal na sala de vistas, por mor dese sinistro, empezaron a investigar e chegaron á conclusión de que actuaran en polo menos sete ocasiones finxindo danos de accidentes ou magnificándolos para cobrar do seguro.
Aínda que se investigaron sete feitos, tan só chegaron a xuízo este venres tres deles, ocorridos en agosto e decembro de 2011 e en xuño de 2013. Deste último, precisamente, falou a acusada Norma C.A., que se acolleu ao seu dereito a non declarar, pero si fixo uso doutro dereito, o da última palabra. Xa terminado o xuízo, pediu falar e asegurou "Me arrepentí".
"Antes de que hubiese todo este procedimiento judicial, yo ya me había arrepentido", indicou esta acusada. Dela era unha das declaracións en instrución que se leu na sala, na que pedía desculpas e recoñecía que acudira ao médico a pesar de non estar no coche no momento do accidente, aínda que insistía en que non chegou a cobrar nada. Na súa última palabra explicou que ela mesma acudiu ao Hospital Domínguez coa súa tarxeta de crédito para pagar as probas que lle fixeran.
Previamente a esas palabras, durante o acto do xuízo oral, pasaron pola sala dous policías locais que detallaron que a nai e os tres irmáns acusados tiñan unha relación de amizade co outro xulgado, que era cliente dun establecemento de hostalería que rexentaban dúas dos irmáns, e que eles consideran que a partir desa relación confabularon para finxir os accidentes.
Pola sala de vistas tamén pasaron dous condutores implicados en dous accidentes dos que se están investigando. Un deles produciuse en agosto de 2011 na estrada vella de Marín e consistiu na colisión entre un coche conducido polo acusado Álex C.A e outro que levaba un condutor alleo a estes feitos, pero que este venres recoñeceu na sala que coñecía ao outro irmán acusado, Christian, de varios anos antes.
O fiscal sostén no seu escrito de acusación que Álex viaxaba só, pero, despois de encher o parte amigable de accidente co condutor contrario, comunicou á súa compañía de seguros que tamén viaxaban os seus irmáns e resultaran con lesións. O outro condutor explicou no xuízo que "no me fijé si había más gente en el coche", aínda que non foi consistente no seu testemuño e o xuíz, Miguel Aramburu, mesmo lle chamou a atención polo "cachondeo" da súa declaración.
A outro testemuña que declarou era o dono do coche contra o que presuntamente chocou Christin en Alcalde Hevia. Segundo sostén o fiscal, perdeu o control do mesmo e chocou co vehículo propiedade dun condutor que nada ten que ver coa trama que estaba estacionado, causándolle danos. Aínda que viaxaba só, deu aviso aos seus irmáns, que compareceron no lugar pouco despois, cando o guindastre da compañía de seguros estaba a retirar o seu coche. Esoutro condutor non estaba no momento do accidente e non puido achegar datos, mentres que o responsable do guindastre indicou que, pasados xa máis de catro anos, non lembra detalles.
O fiscal do caso, ao termo do xuízo, considerou acreditado que os tres feitos son "siniestros supuestamente simulados con la finalidad de obtener indemnizaciones de las aseguradoras" e que aínda que os cinco acusados non participan en todos eles, si existe unha "participación adhesiva". Recoñeceu que parte da proba é indiciaria e que "un indicio por sí solo sería insuficiente" para condenalos, pero "todos juntos nos llevan a acusar".
Os avogados de dúas aseguradoras, AXA e RACC, piden a condena dos cinco, mentres que os cinco avogados defensores coinciden en que deben ser absoltos porque a acusación realízase "en base a conjeturas" e da proba practicada no xuízo "no se puede llegar a esa conclusión" de que confabulaban para estafar aos seguros. "No existe prueba de cargo suficiente para enervar la presunción de inocencia", insistiron as partes e dúas delas indicaron que, no caso de que se condene aos seus clientes, aplíquese a circunstancia atenuante de dilacións indebidas.
A Fiscalía pide para os cinco acusados dous anos de prisión e indemnizar á compañía de seguros Mapfre 8.038 euros e que os tres irmáns abonen á compañía AXA outros 7.966 euros. Así relata o fiscal os feitos que lles atribúe e sobre os que agora o xuíz deberá ditar sentenza condenatoria ou absolutoria.
Relacionadas:
-
Xulgan a cinco persoas por causar accidentes para estafar a aseguradoras
Por Redacción |
-
Xuízo contra unha trama que finxía accidentes de tráfico para cobrar do seguro
Por Natalia Puga |
-
A ausencia de tres testemuñas obriga a suspender o xuízo contra unha familia acusada de estafar a seguros
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Cinco persoas a xuízo por finxir accidentes de tráfico para cobrar do seguro
Por Natalia Puga |