Ponte Caldelas celebra o "cambio de postura" de Educación co comedor escolar da Reigosa
Por Redacción
O goberno municipal de Ponte Caldelas expresou a súa satisfacción polo "cambio de postura" de Educación con respecto ao comedor escolar do colexio da Reigosa, unha demanda que o Concello e a comunidade educativa viñan reclamando con insistencia.
Educación, nunha xuntanza coa ANPA, avanzou que a Xunta de Galicia amósase disposta a construír o comedor e pedirá ao Concello a sinatura dun convenio para que achegue o 50% dun investimento valorado nuns 50.000 euros.
O alcalde, Andrés Díaz, avanza que, aínda coas escasas posibilidades económicas do Concello, a predisposición é favorable ao acordo. Máis aínda, anima a Educación a avanzar tamén na construción dun ximnasio axeitado que substitúa ao actual espazo, dado que non reúne as mínimas condicións.
O Concello lembra que mesmo chegou a facer un proxecto técnico para a construción dun novo ximnasio, incluíndo un espazo para comedor que foi rexeitado por Educación.
Dende o Concello defenden que este colexio, pola súa situación a carón dos polígonos da Reigosa e do Campiño, resultaría unha alternativa de escolarización excelente, en aras á conciliación da vida laboral e familiar, se se potenciasen as súas instalacións con estes dous servizos.
Relacionadas:
-
O módulo para o comedor do colexio da Reigosa, listo para a chegada do alumnado
Por Redacción |
-
Educación estuda poñer comedor escolar na Reigosa e pagalo a medias co Concello
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas volve insistir en que o colexio da Reigosa precisa un comedor escolar
Por Redacción |
-
O comedor escolar do colexio da Reigosa, asignatura pendente en Ponte Caldelas
Por Redacción |