Francisco Barbeito e o Centro Educativo da ONCE, orgullosos co seu Premio Cidade de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O Teatro Principal vestíase de gala este luns 21 de xaneiro para celebrar a festividade de San Sebastián, que se conmemoraba este domingo 20, coa tradicional entrega dos Premios Cidade de Pontevedra. Nesta ocasión, os galardonados foron o Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE como persoa xurídica, e Francisco Barbeito, o empresario que puxo en marcha Cristalería Pontevedresa como persoa física.
Ás 13.07 horas comenzaba o acto coa entrada de oito integrantes da agrupación folclórica Os Alegres, tras os que desfilaban Francisco Barbeito acompañando a Carmen Fouces e Miguel Carballeda. No escenario agardábao o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores en representación de todos os compoñentes da corporación municipal, que se encontraban nos seus respectivos asentos cunha cabeceira en que permanecían os portavoces dos distintos grupos, Luis Rei de Marea Pontevedra; Rafa Domínguez do PP; Tino Fernández do PSOE e María Rey, de Ciudadanos.
Os dous premiados recibiron os galardóns de mans de Fernández Lores. O xurado destacou a Francisco Barbeito por ser un referente de traballo, honestidade e conexión permanente con Pontevedra. Pola súa parte, o espazo educativo da ONCE recibe o premio polo seu labor educativo e social e a súa implicación con Pontevedra "axudando a construír o que somos: a cidade das persoas".
O primeiro en ofrecer o seu discurso de agradecemento foi o empresario Francisco Barbeito que apuntou que aprezaba moito este recoñecemento nunha cidade chea de empresas e profesionais. "Yo no merezco este premio sino todas las personas que nos han acompañado en estos 60 años", recoñeceu finalizando cun emotivo "este premio solo puede ser para ellos". As palabras deste home de 90 anos foron ovacionadas polas ao redor de 200 persoas que asistiron ao acto.
Miguel Carballeda, o pontevedrés que preside a ONCE, tamén se amosou orgulloso por este recoñecemento e feliz por ter dado traballo a tanta xente durante todos estes anos. Durante o seu discurso fixo referencia a "aquellos valientes" que se conveceron da oportunidade de crear un centro para educar a nenos cegos. Indicou que moitas das persoas cegas en España pasaron por Pontevedra e gardan unha lembranza nas súas vidas. Tamén se remontou a súa infancia cando percorría as rúas da cidade. Carballeda deu a súa enhoraboa a Barbeito e tamén destacou o emprego que crea a ONCE en España, sendo a cuarta empregadora dentro do tecido empresarial, tanto a persoas con discapacidades visuais como sen elas. Garantiu que seguirán a dalo todo de cara ao futuro nunha das cidades "más hermosas del mundo, Pontevedra".
Por último, o alcalde interviu para destacar a importante evolución dos galardoados. Segundo Fernández Lores tanto Cristalería Pontevedresa como o CRE da ONCE suman méritos de sobra para representar o afán de superación ademais do "noso espírito aberto e solidario".
"Se a ONCE non existise, o concepto que teríamos da solidariedade sería distinto, e seguramente moito peor", afirmou o rexedor que continuou sinalando que é tamén un referente na cidade por manter o CRE, un dos cinco que a organización de cegos ten en todo o Estado e polo seu labor educativo e de investigación. Lores sinalou tamén a influencia da entidade que preside Carballeda para tomar decisións como configurar unha Pontevedra mellor.
En relación a Francisco Barbeito, o alcalde destacou o seu traballo para investigar no deseño e na fabricación de materiais punteiros para ofrecer solucións á enxeñería e á arquitectura máis contemporáneas. Ademais destacou que, nos últimos tempos, a empresa pasara a denominarse Pontevedresa Group mantendo a súa orixe no nome a pesar de ser un "polsílabo difícil pronunciado nalgún outro idioma". Neste sentido subliñou que renegando do noso non se chega a ser auténtico cidadán do mundo porque "Pontevedresa" é un nome cosmopolita e global.
Agradecendo os premiados que fagan de Pontevedra unha cidade máis agradable e recoñecendo que desde hoxe están "aínda máis nos nosos corazóns", Lores remataba as súas felicitacións e daba paso á interpretación de Os de Algures do himno galego co que remataba o acto.
Relacionadas:
-
Abre o prazo para presentar candidaturas aos Premios Cidade de Pontevedra 2020
Por Redacción |
-
Falece aos 92 anos Francisco Barbeito, presidente e fundador de Cristalería Pontevedresa
Por Diego Espiño |
-
Rosario Álvarez, José Portela Leirós, Fundación Amigos de Galicia e Esdemga optan aos Premios Cidade de Pontevedra
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Educación destaca o espírito "pioneiro" da ONCE en favor da integración do alumnado
Por Redacción |
-
RADIO.- José Ángel Abraldes, director del CRE de la ONCE: "As novas tecnoloxías tamén adoecen de accesibilidade"
Por Marisa Ciordia |
-
O empresario Francisco Barbeito e o centro da ONCE, premios Cidade de Pontevedra 2018
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |