O rueiro de Pontevedra será, a partir de agora, "un pouco máis feminista"
Por Alejandro Espiño
A "marquesa vermella", unha mestra que solidarizou coas vítimas da ditadura, a primeira muller taxista que houbo en España e unha "menciñeira" que foi acusada de bruxería. Son María Vinyals i Ferrer, Ernestina Otero, Dolores Trabado e Vasquida García, as catro novas incorporacións ao rueiro de Pontevedra.
Así o aprobou, coa única abstención do PP, o pleno da corporación municipal celebrado este luns no Teatro Principal.
"Poderían ser moitas máis pero, dende logo, era de xustiza que foran estas catro", explicou a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, catro mulleres que "contribuíron á creación desta Pontevedra da que hoxe nos gabamos". Esta homenaxe busca servir tamén como unha demostración "firme e contundente" de que a cidade é "cada día un pouco máis feminista".
Fouces engadiu que espera que este recoñecemento sirva para que "quede claro" a quen pretenda "desandar este camiño" que desde Pontevedra "non daremos nin un paso atrás" na defensa das mulleres.
"Que saiban, os que pretenden volver a queimar bruxas, a pechar escolas, a silenciar ás voces femininas na cultura, a desprestixiar a loita feminista ou a frear os avances das mulleres no ámbito laboral, que nos terán enfronte", concluíu a edil do BNG.
Ernestina Otero, Vasquida García e Dolores Trabado darán nome a novas rúas nos antigos terreos de Tafisa, a beiras do río Lérez; mentres que o de María Vinyals i Ferrer bautizará o xardín situado diante do edificio administrativo da Xunta en Campolongo.
Con Ernestina Otero, a corporación homenaxea a todas as mulleres que defenderon unha sociedade "libre e igualitaria" a pesar do custo persoal que lles supuxo e que a educación é a "mellor arma" para loitar contra o fascismo; e a María Vinyals recoñéceselle o seu "fondo" compromiso social e político e a súa defensa "acérrima" dos dereitos das mulleres.
Dolores Trabado foi a primeira muller taxista no Estado cando, segundo Fouces, "conducir, como o coñac Soberano, era cousa de homes"; e con Vasquida García, que no século XVI utilizaba o seu coñecemento das plantas medicinais para sanar males e foi acusada de pactar co demo, recoñécese o "incuestionable" beneficio colectivo da súa actividade.
OUTROS ASUNTOS DO PLENO
O pleno deste luns, ademais, acordou desestimar todas as alegacións presentadas ao orzamento municipal de Pontevedra, polo que se converte na segunda cidade galega -despois de Vigo- que logra aprobar todas as súas contas durante este mandado. As de 2019, que ascenden a 76.6 millóns, saen adiante coa abstención de PSdeG-PSOE e Marea.
Por unanimidade, a corporación municipal aprobou a nova ordenanza fiscal de telefonía, coa que o Concello espera recadar anualmente máis de 176.000 euros das empresas de sector que operan na cidade e ocupan espazo público; e a continuidade do plan de condutas adictivas, que se prorroga á espera da nova normativa estatal.
Relacionadas:
-
Vasquida García, Dolores Trabado e Ernestina Otero ocuparán o seu lugar no espazo público de Tafisa
Por Redacción |
-
A corporación censura o "populismo barato" do PP co seu cambio de criterio sobre a A-57
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Mosquera anuncia un plan de transporte urbano "pioneiro e modélico" para Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Tres novas rúas de Tafisa e o parque ante a Xunta de Campolongo bautizaranse con nome de muller
Por Natalia Puga |