Cubela lamenta as críticas dos socialistas ao campo de tiro de Borela
Por Oskar Viéitez
"Será mellor que Patricia Vilán non fale de Cotobade, porque está indo a contracorrente", así de contundente se amosou o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela para referirse á deputada socialista que aposta pola remodelación do campo das Cernadiñas en lugar de apostar polo campo de tiro de Borela.
Un grupo de deputados autonómicos do Partido Socialista, entre outros, a deputada pontevedresa Patricia Vilán, asinou unha serie de preguntas á Mesa do Parlamento coas que se pon en cuestión o investimento que o Concello de Cotobade e a Deputación Provincial van asumir coa construción do Campo de Tiro Olímpico de Borela.
Os parlamentarios socialistas consideran máis factible apostar pola mellora do xa existente campo de tiro das Cernadiñas, en Bora. Preguntan ademais se estoutro compromiso da Xunta segue en pé e cales son os permisos oficiais e financiamento que poderá recibir a iniciativa de Cotobade.
"Chama a atención que o PP, coa desculpa da crise, estea a recortar en Sanidade, Educación e Benestar e que, sen embargo, 'publicite' obras faraónicas coma esta, sobre todo cando se podería dar o mesmo servizo coa terceira parte do investimento, remodelando o campo de tiro de Cernadiñas Novas, tal e como tiñan prometido", sosteñen os socialistas no Parlamento.
"Parece mentira que esta deputada sexa de Pontevedra, porque está claro que a zona non a coñece moito. Secadra porque non saíu da súa casa máis que para ir ao Parlamento a dicir barbaridades", sinala Cubela.
O alcalde de Cotobade entende que "se en lugar de asinar documentos que vaian en contra de calquera iniciativa promovida por un goberno do Partido Popular, chamara antes ao seu compañeiro do PSOE en Cotobade, Manoel Loureiro, sabería cal é a mellor opción e ademais podería saber cal é o sentir dos tiradores, da Federación de Caza e dos veciños de Cotobade".
Asegura tamén que os únicos que están en contra deste proxecto son os deputados socialistas, "que están apostando ademais, e non sei se o saberán por un proxecto no campo das Cernadiñas que é xuridicamente inviable", ironiza Cubela.
Cubela lamenta que os socialistas vaian en contra de calquera iniciativa que propoña o Partido Popular e aplaude a actitude de Manoel Loureiro que, a pesar do que lle digan desde as esferas máis altas do seu partido, si sabe o que é mellor para Cotobade.
Jorge Cubela explica que "se houbera calquera tipo de problema, de reclamación ou malestar con este proxecto entendería que o partido da oposición intentara posicionarse en contra aproveitando esta fractura e en apoio dos afectados, pero neste caso bateron contra un pedra, porque todos os implicados estamos a favor".
Para rematar, o alcalde agradece a colaboración e a disposición que todas as administracións gobernadas polo Partido Popular teñen con Cotobade, Deputación, Xunta de Galicia e Goberno central, en contraposición coa actitude amosada polo PSOE, "que parece que teñen algo en contra deste concello. Xa parecía cando se creou o problema do socavón que non foron capaces de arranxar a pesar de estar no Goberno central e tendo daquela un alcalde do PSOE en Cotobade e sigue parecendo agora cando se opoñen a este proxecto sen ningún motivo".