Performance teatral para difundir entre estudantes unha nova edición de 'Noites Abertas'
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Os institutos Sánchez Cantón e Valle Inclán acolleron este martes o inicio da campaña de difusión do programa de lecer alternativo 'Noites Abertas'. A compañía teatral Ibuprofeno Teatro, que lideran Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, levaron a cabo performances nestes centros de estudo empregando globos e patíns co obxectivo de chamar a atención dos estudantes para que participen na edición deste ano. O percorrido rematou na Facultade de Belas Artes e o concelleiro Alberto Oubiña acompañou á comitiva durante esta actividade deslucida pola chuvia.
'Noites Abertas' é o programa da concellería de Xuventude que se leva desenvolvendo desde hai dúas décadas co obxectivo de establecer unha alternativa ao botellón a través de diversas actividades de diversión e divulgativas. Na programación deste 2019 inclúense 96 actividades que van desde a música aos deportes, pasando por iniciativas de carácter colaborativo e tamén de formación. Están previstas 234 sesións diferentes que terán lugar entre este venres 25 de xaneiro e o sábado 6 de abril.
Toda a programación pode consultarse a través de www.noitesabertas.gal e nas redes de Facebook e Instagram de Noites Abertas.
Durante os vindeiros días, a campaña de divulgación vai levarse a cabo noutros centros de ensino secundario do municipio, no campus e en prazas públicas de Pontevedra.