Aceptan realizar traballos en beneficio da comunidade para evitar 3 anos de prisión por tráfico de drogas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Os mozos Christian L.F. e María R. V. sentaban este xoves no banco da Audiencia Provincial, acusados de ser autores dun delito de tráfico de drogas.
O 19 de setembro de 2016, ámbolos acusados tiñan no seu enderezo, situado no municipio de Catoira, 422 comprimidos cun peso de máis de 218 gramos cunha pureza do 5% de MDMA e do 2% de metanfetamina. Estas pastillas terían un prezo no mercado ilícito superior aos 2.544 euros. Ademais contaban con outros 22 comprimidos de máis de 11 gramos con pureza do 6% de MDMA e 2,42 de metanfetamina, cuxo prezo no mercado ilícito de máis de 132 euros. Tamén, segundo o escrito da Fiscalía, tiñan marihuana, que alcanzaba un peso de 55,6 gramos cun valor no mercado superior a 288 euros. Unhas cantidades, que segundo o Ministerio Fiscal, superan ata 20 veces máis o permitido para o autoconsumo.
Inicialmente, a fiscal solicitaba para cada un dos acusados unha pena de catro anos de prisión e 6.000 euros de multa. Pero na sala reducía a petición a tres anos de prisión e multa. A parella recoñeceu os feitos e o delito que se lles imputa ante o tribunal da sección segunda da Audiencia Provincial.
Tendo en conta que ambos tamén admitiron ser consumidores de substancias estupefacientes e ao carecer de antecedentes penais, a fiscal considera que se pode aplicar a "extraordinaria" coa suspensión da pena de cárcere a cambio de que realicen traballos en beneficio da comunidade e se sometan a métodos de deshabituación de drogas.